En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unha intensa treboada colapsa O Barco

Tres das catro entradas á vila quedaban bloqueadas e mesmo algúns coches atrapados

Pasadas as sete da tarde do 9 de maio comezaba a tronar e a chover no Barco, pero de forma tímida. Era un simple aviso porque a treboada viña para quedarse na vila, e de que xeito. A forte chuvia daba paso, ao redor das oito da tarde, a unha intensa saraiba o que producía problemas no tráfico e xeraba situacións caóticas especialmente nos accesos á vila, tres dos cales quedaban pechados e mesmo con coches bloqueados nalgúns deles. Tan só se podía pasar pola rúa da Rampa, na zona de Veigamuíños. Tamén había baixos inundados, un deles no Malecón, e mesmo algunha árbore caída na zona de San Roque. Outro dos puntos máis complicados era a zona do río Mariñán que estivo “a punto de saltar a rúa Las Arenas, de feito estaba todo cheo de troncos”, segundo informaba o alcalde do Barco, Alfredo García.

Mobilizábanse os equipos de emerxencia da zona como o GES Valdeorras e Protección Civil, así como as forzas de seguridade como é o caso da Policía Local, para tratar de atender e dar resposta a todas as incidencias. Ao redor das dez cesaba a chuvia, pero seguían os problemas nas entradas ao Barco. “A avenida do Bierzo vai quedar cortada toda a noite porque non se sabe moi bien que dano hai debaixo da terra xa que se levantou parte do asfalto, agora estano valando”, aseguraba o alcalde do Barco, ás dez e media da noite dende un dos accesos.

No caso de Veigamuíños “descendeu un pouquiño a auga. Está baixando pero despazo, ao deixar de entrar auga as bombas están funcionando. Imos poñer unha bomba máis para ver se en dúas horas isto queda aberto (22:30h.). E logo a entrada de A Proba ten que baleirarse polo seu propio peso”, indicaba o rexedor barquense.

A treboada tamén afectada ás comunicacións, xa que zonas como o centro do Barco quedaban sen conexión a internet.

Durante a treboada a estación da Portela (Vilamartín) de Meteogalicia rexistraba 41,6 litros por metro cadrado. Ademais en Galicia caían 5.131 raios, dos cales a meirande parte se rexistraban na comarca de Valdeorras.

Ademais de no Barco, a treboada causaba danos noutros puntos de Valdeorras como é o caso de Córgomo (Vilamartín), onde se viña abaixo o muro dunha casa e, como consecuencia da tromba de auga, o camiño que baixa a Baxeles víase inundado.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Lolo (fotos de Córgomo)

Artigos relacionados

Back to top button