
As obras de asfaltado de diferentes rúas do Barco, tanto no casco urbano como no viario municipal, serán realizadas pola empresa local Acoval, segundo decidía esta mañá a mesa de contratación, reunida para estudar as ofertas recibidas e tomar una decisión sobre a adxudicación. O custo das obras é de algo máis de 400.000 euros.
“Trátase de dous proxectos diferentes. O primeiro, cunha base de licitación de case que 216.000 euros, é o de renovación do firme de dez rúas no casco urbano do Barco. Serán as rúas Galir, Río Miño, Mariñán, Ourense, A Rampa, Ramón y Cajal, Estación, Eloy Rodríguez Barrios, Cantón e José Otero. Este proxecto ten un prazo de execución de catro meses, contados a partir do día seguinte á firma da acta de replanteo”, segundo se informa dende o Concello.
O segundo proxecto será o de renovación do firme da estrada entre Vilanova e Forcadela, da estrada de Vales a Cesures, e de rúa en Xagoaza. O prezo de licitación deste proxecto é de 185.700 euros, e o prazo de execución de tres meses.