ConcellosSanidadeÚltima hora

Valdeorras demanda “unha sanidade digna e pública” nunha concentración no Barco

No acto procedíase á lectura de 2 manifestos nos que se pedía a recuperación da área sanitaria, máis especialistas, unha unidade de neumoloxía e unha base de soporte vital avanzado do 061, entre outras cuestións

 

Numerosas persoas reuníanse a partir das oito da tarde xunto ao Hospital de Valdeorras, no Barco, nunha concentración para pedir unha sanidade “digna e pública” para as comarcas do oriente ourensán, nun acto convocado pola Xunta de Persoal do citado centro sanitario, que agradecía aos asistentes a súa participación. Os presentes coreaban consignas como “o noso hospital non se pecha”, “unha área para Valdeorras” ou “máis especialistas e menos tempo de listas”.

Durante a concentración, coa que se cortaba o tráfico na avenida Conde Fenosa da vila, procedíase á lectura de dous manifestos. Ao primeiro deles poñíalle voz Víctor Pariente, de UXT. “Fai algo máis dun ano, ao finalizar a concentración, dicíamos que a non moito tardar nos volveríamos ver para reclamar unha atencion sanitaria digna. Por todos os cidadáns deste distrito, tanto os que estamos hoxe aquí, coma aqueles que o sofren e non veñen a manifestalo, é de sobra coñecida a situación dos servizos sanitarios de Atención primaria e do noso hospital”.

 

 

Por iso, continuaba Pariente, “estamos hoxe aquí co motivo de lembrarlle á Xunta e á Consellería de Sanidade que no cumpriron ningunha das promesas feitas nin no ano 2022, nin as que fixeron no ano 2010. Un ano máis a situación do noso hospital segue igual, sen dotarse dos profesionais necesarios para un funcionamento normal. Os cidadáns seguen desprazándose ao hospital de Ourense para a maior parte das consultas e intervencións. A sanidade segue sen ser de proximidade, trasladando aos usuarios e familiares o trastorno de conciliar vida cun ingreso a 120 km de casa. Se mencionar que non temos base do 061, de soporte vital avanzado, para os traslados urxentes ou calquera emerxencia que poida xurdir. Como dato dicir, que na provincia de Lugo hai 4 bases de soporte vital avanzado”.

 

 

Ademais, Pariente lembraba que “estamos agardando por 22 especialistas, que segundo eles xa estarían incorporados no 2023, mentres os procesos de consolidación de emprego non están resoltos”. E concluía sinalando que “non nos imos resignar a que a falta de sanidade sexa causa de morte. Por iso reclamamos: a recuperación da autonomía do Distrito Sanitario, volvendo á situación previa á supresión da área sanitaria de Valdeorras, a resolución inmediata dos procesos selectivos en curso de todas as categorías, a recuperación do plan director do Hospital de Valdeorras, a construción inmediata do Centro de Saúde da Rúa, a ampliación do Centro de Saúde do Barco, a adaptación de todos os Centro de Saúde do distrito ás necesidades reais e as do futuro e a dotación dunha base de soporte vital avanzado, base do 061”.

A continuación dábase lectura ao manifesto da CIG, que lía Alberto Castro, que comezaba aludindo á “carencia de profesionais, déficits asistenciais, perda de servizos ou a redución dos mesmos a un mísero día á semana… Isto é o que estamos vivindo… é o que levamos xa máis dunha década denunciando. Pero nada cambia, seguimos vendo como o pulo para desmantelar e privatizar a sanidade pública dos galegos segue adiante… cada día que pasamos vemos como avanza o asalto do goberno autonómico ó sistema de saúde. É por iso que a data desta concentración é totalmente interesada, o mellor momento para presionar ao goberno para que desista do seu continuo ataque á nosa sanidade”.

 

 

Así mesmo incidíase na importancia de que a cidadanía reclame “o que nos pertence por dereito” e en que “non permitamos que nos quiten o dereito á saúde”. O manifesto dicía ademais que “xa vale de empregar só criterios economicistas para xestionar a nosa sanidade e xustificar así todas as súas pésimas decisións. Todos sabemos que os números e o papel aguántano todo, pero a realidade está aquí no hospital, nos centros de saúde, nas cada vez máis frecuentes viaxes a Ourense, ás veces só para ver o resultado dunha analítica. Por que temos que ir operarnos a Ourense cando temos tres quirófanos aquí? Por que temos que ir cada vez con máis frecuencia ao CHUO cando sempre tivemos especialistas no noso hospital?. Non permitades que nos sigan tratando como cidadáns de segunda”.

https://youtu.be/MyBo8-l9IPI

No texto lido por Castro lembrábase que a parte oriental da provincia é “unha das zonas de Galiza con maior número de accidentes laborais, moitos deles moi graves. Cando penso neste tema xa boto en falla unha ambulancia de soporte vital avanzado, unha base de helicóptero do 061. E como non está orzamentada unha unidade de neumoloxía cando patoloxía respiratoria está á orde do día na nosa comarca?”. “Coidar o noso sistema sanitario”, concluía Castro, “é cousa de todos, un sistema de saúde forte é o mellor investimento no noso futuro e no porvir da nosa xente. O que dana o noso sistema sanitario está hipotecando o noso futuro”.

Entre os asistentes ao acto había representantes de formacións políticas como o partido socialista, o BNG e Sumar Galicia. Para regular o tráfico contábase coa colaboración da Policía Local do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button