En portadaÚltima hora

Valdeorras únese pola mellora de servizos públicos de transporte regular por estrada

AEVA e os alcaldes de todos os concellos elaboran un documento con catro alegacións ao anteproxecto

Despois da xuntanza celebrada cos alcaldes de Valdeorras o día 9 de novembro de 2016, no mediodía do 7 de xuño de 2017, a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) convocaba unha nova reunión cos alcaldes da comarca, á que tamén foi convidado o Concello de Viana do Bolo, para elabor un documento conxunto de alegacións aos anteproxectos de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de ámbalas dúas comarcas.

Na reunión estiveron presentes os alcaldes da Rúa, Carballeda, O Barco, O Bolo e Petín, así como representantes dos concellos de Vilamartín, Rubiá e Viana do Bolo, e acordaron a formulación de catro alegacións. A primeira fai referencia á situación xeográfica da comarca de Valdeorras que “pola súa dispersión poboacional, fai que sexa preciso articular un sistema de transporte que garanta as seguintes coberturas: a conexión das parroquias coa capitalidade do concello respectivo; a conexión entre as capitalidades de cada un dos concellos da comarca; e a conexión das capitalidades de cada un dos concellos coa capital da provincia”.

A segunda alegación vén motivada pola futura estación do AVE da Gudiña coa que “se fai preciso articular unha nova liña de transportes regular que permita conectar cos concellos da comarca de Valdeorras”. Os horarios terán que permitir conectar co servizo ferroviario. “Tamén se adheriu a este acordo o Concello de Viana do Bolo, cuxo pleno aprobou, o día 17 de novembro de 2016, unha moción para solicitar da Xunta de Galicia o establecemento desta liña de autobús”, explican dende AEVA.

Na terceira alegación do documento explícase que “tampouco queda garantida a conexión entre as capitalidades de cada un dos concellos da comarca de Valdeorras no que atinxe aos municipios de O Bolo e A Veiga”. O documento complétase cun cuarto punto sobre a necesidade de “permitir que os usuarios con orixe e/ou destino na comarca de Valdeorras podan solicitar paradas baixo demanda”, ante as novas concesións das liñas de transporte de longo percorrido que se outorguen.

Na reunión, á que faltaron os alcaldes da Veiga (que desculpou a súa ausencia e mostrou a adhesión ao acordo) e Larouco (que tamén confirmou a adhesión do seu Concello ao documento consensuado), acordouse que estas alegacións, de carácter xenérico, serán presentadas por AEVA, co respaldo dos referidos concellos, e que os concellos, “nas alegacións propias que presenten, incluirán tamén as contidas no documento consensuado”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button