Música de acordeón no escenario. Saíndo de entre o público, na escuridade da noite e á beira do río Sil, soaba a voz de Vero Rilo. Cantando, subíase ao escenario para acompañar a Carlos Quintá, dando así comezo á peza “Lavandeiras”, no marco do ciclo “De Perto” no Barco.
Neste espectáculo rescatan a memoria das mulleres que en tempos ían diaramente a lavar o río ou nos lavadoiros. Nel entrelazan cancións populares, compostas de forma colectiva polas mulleres nestes lugares que, ademais de un espazo de traballo, constituían para elas un importante espazo de socialización.
A carón dunha tina, Rilo ía debullando historias de lavandeiras ao ritmo da música de Quintá, botando algunha copla e mesmo sacando a algún dos espectadores a bailar. Eran relatos de mulleres fortes como Manuela Lores, “unha historia de vida” que tomou “prestada de Sechu Sende”. Noutras, como a de Carmiña de Cornide, apoiábase en Álvaro Cunqueiro. E, a derradeira, contábaa como se fose a da súa avoa, aínda que confesaba que en realidade era unha narración de Félix Albo. E, finalmente, baixando do escenario, entre o público e coa música e a voz daquelas donas do río concluía o duo formado por Vero Rilo e Carlos Quintá, Daboapipa, a actuación.
Fotos: Carlos G. Hervella.