ConcellosO BarcoÚltima hora

Visita do delegado da Xunta en Ourense ás obras de mellora no Polígono Industrial da Raña, no Barco

Consisten na execución dunha glorieta no acceso desde A Proba, así como na renovación das beirarrúas da rúa central e a mellora dos tramos do pavimento

 

Na mañá deste  venres 15 de setembro o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisaba xunto ao alcalde do Barco, Alfredo García, as obras de mellora de infraestruturas do polígono industrial da Raña, nas que a Consellería de Economía, Industria e Innovación está a investir 120.000 euros.

Alí, o delegado territorial destacou que “8 parques empresariais de 7 concellos da provincia de Ourense (A Gudiña, O Pereiro de Aguiar, Pontedeva, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Vilamarín e O Barco de Valdeorras), foron beneficiarios das axudas da Xunta para impulsar a súa competitividade cun total de preto de 612.000 euros”, dixo, lembrando que estas axudas, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto, “van destinadas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias”.

As obras no Barco consisten na execución dunha glorieta no acceso desde A Proba ao Polígono Industrial da Raña para “mellorar a circulación e acceso dos vehículos, así como na renovación das beirarrúas da rúa central do polígono e a mellora dos tramos do pavimento que se atopan nun deficiente estado de conservación”. Unhas actuacións que teñen como obxecto “proporcionar un servizo adecuado aos habitantes da localidade, mediante a mellora das infraestruturas viarias do mencionado parque empresarial, adecuándoas ás necesidades dos seus usuarios”.

Para levar a cabo o proxecto procedeuse á demolición do pavimento existente no acceso ao polígono desde o barrio da Proba e estase a executar a glorieta central e as novas beirarrúas. Previamente á execución destas, na zona de ligazón co vial que leva cara á ponte sobre o río Sil, constrúense muros de contención dada a diferenza de cotas entre o pavimento actual e as parcelas adxacentes onde se situarán as novas beirarrúas.

 

Visita do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, ás obras no Polígono da Raña.

 

A continuación, trabállase no estendido dun pavimento de aglomerado en quente de 5 cm de espesor sobre unha base de 15 cm de saburras e colocarase a sinalización horizontal e vertical correspondente. Na zona dos muros anteriormente mencionados, colocarase unha varanda metálica similar á existente para evitar a caída dos viandantes dada a diferenza de cotas do terreo.

Por último, estase a acondicionar a parcela municipal situada entre o vial e a parcela 219, mediante o saneo do terreo e o estendido dunha capa de saburras naturais de 25 cm e outra capa de saburras artificiais de 25 cm de espesor, debidamente compactadas.

Para a renovación das beirarrúas do vial central do polígono, procederase á demolición do pavimento actual de baldosas, e executarase un pavimento de formigón HF-3,5 de 18 cm de espesor e acabado cepillado, sobre unha capa de 15 cm de saburras artificiais, e repoñeranse así mesmo os tramos de bordo que se atopan en mal estado, e recolocaranse os sinais afectados. Nas novas beirarrúas colocaranse baldosas de botón nos accesos aos pasos peonís, e en canto á renovación do pavimento da calzada, marcaranse os tramos que se atopan en mal estado, e se fresarán os bordos e entroncamentos para dar continuidade ao pavimento.

Para finalizar, colocarase sinalización vertical en todos os pasos peonís, e repintaranse os mesmos. Procederase tamén á limpeza de todas as beirarrúas e rígolas do polígono mediante maquinaria ou de forma manual, e repintaranse todas as liñas de calzada: accesos, aparcamentos, liña de separación de carrís, etc.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button