En portadaÚltima horaVídeos

Visita do director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a Cupa Group

Achegábase á sede central desta compañía na Medua (Carballeda de Valdeorras) e as naves de laboración de lousa Valiñas

 

Co fin de coñecer de primeira man a operativa de Cupa Group e facer un seguimento dos proxectos nos que a Xunta ten colaborado de forma activa, o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, achegábase esta mañá ata a sede central desta compañía na Medua (Carballeda de Valdeorras) e tamén visitaba as naves Valiñas. Estaba acompañado por Alicia López, xefa territorial da consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta en Ourense; por María Carmen González, alcaldesa de Carballeda de Valdeorras; e por Víctor Cobo, presidente do Clúster da Pizarra de Galicia. Por parte da compañía, os encargados de recibilos eran Javier Fernández, CEO de Cupa Group, e Eduardo Mera, director xeral de Cupa Pizarras.

A visita iniciábas na sala de exposicións de Cupa Pizarras, onde se realizaba unha presentación da empresa e das actividades do grupo, amosando como estas foron fundamentais no desenvolvemento de Valdeorras e de Galicia. Posteriormente, ían ás citadas naves de elaboración. “Son as dúas naves nas que fixemos fortes investimentos para reducir as emisións de po no ambiente. A verdade é que os resultados foron magníficos e sentímonos moi satisfeitos e todo iso grazas ao noso esforzo e á axuda que a Xunta de Galicia sempre nos deu. Sempre estivo preto de nós, non só de Cupa senón de todo o sector, para que nos modernicemos e para que sigamos mellorando en seguridade e hixiene, e especialmente neste caso no que se refire a emisións de po no ambiente”, sinalaba Javier Fernández.

 

 

Fabricación intelixente e sostible, máis segura

Cupa Group incorporou fai xa sete anos ao seu plan estratéxico a modernización dos procesos produtivos buscando mellorar a operativa e avanzar cara a un modelo de fabricación intelixente e sostible. Este proxecto, impulsado pola Xunta de Galicia, foi implantado en centros produtivos de Cupa Pizarras e apóiase en catro piares: a dixitalización, a automatización das liñas de produción, a economía circular e a seguridade.

Segundo sinalou Javier Fernández, CEO de Cupa Group, “impulsar unha transformación industrial dixital e sostible no sector da lousa é unha prioridade estratéxica. A modernización dos procesos produtivos permítenos ser máis competitivos internacionalmente, optimizar o uso dos recursos naturais e reforzar a protección dos nosos empregados, quen é sempre o primeiro criterio das nosas decisións, para mellorar as súas condicións de saúde e seguridade”.

Precisamente, no ámbito da seguridade, a Consellería de Economía da Xunta axudou economicamente a Cupa Group no desenvolvemento e instalación de sistemas de captación, nebulización e extracción nas naves de elaboración de Cupa Pizarras para reducir a exposición dos traballadores ao po de sílice.

A este respecto, Eduardo Mera, director xeral de Cupa Pizarras, destacaba a mellora en hixiene ambiental no interior das instalacións para reducir o risco de contracción de enfermidades profesionais e subliñou, doutra banda, o impacto positivo do proxecto, que integra a sustentabilidade en toda a cadea de valor. “É unha aposta clara pola innovación e a industria no territorio –afirmou–, grazas á participación de provedores locais, a maioría pemes, que contribúen a impulsar a economía, xerar emprego e atraer talento nas comarcas nas que levamos a cabo a nosa actividade”.

 

 

Axudas para o fomento da sustentabilidade no sector dos recursos naturais

Pola súa banda, o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila lembraba que a liña de axudas para fomentar a sustentabilidade no sector dos recursos naturais continúan abertas ata o vindeiro 8 de abril. “Comprenden 5 liñas, unha delas destinada a mellorar a calidade do ambiente atmosférico e poñemos como exemplo desas liñas estas dúas actuacións que acometeu Cupa Group no 2023, cunha axuda de case 135.000 euros e cunha intensidade do gasto total subvencionado do 40%, e creo que está funcionando moi ben”, sinala o director xeral.

En concreto, acometeuse a substitución dos motores de aspiración así como actuacións sobre os tubos na nave Valiñas 1; ademais, substituíuse o filtro húmido e reacondicionouse a tubaxe na nave Valiñas 2.

Pablo Fernández animaba ás empresas do sector mineiro a que se presenten “a esas solicitudes de axuda a esta convocatoria porque, ao fin e ao cabo, contribúen a esa minería sostible que nós, e todas as administracións (Concello, Deputación e Xunta), é o que sempre defendemos e necesitamos para o sector. Un sector da lousa que consideramos fundamental dentro da economía da provincia, que dinamiza Valdeorras e axuda a fixar a poboación no rural, o que é un aspecto fundamental actualmente no contexto no que nos movemos”.

Ao carón do director xeral, a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, aseguraba que “Cupa, como o resto do sector da lousa, para min é un orgullo”, e tamén indicaba que “Valdeorras ten unha débeda história con Carballeda e iso hai que recoñelo, o sector da lousa supuxo e supón a preparación das novas xeracións que puideron formarse e estudar grazas á actividade económica do sector”. Ademais reivindicaba a importancia dos núcleos do municipio e facía un chamamento á que a xente volva a residir neles, preto dos seus lugares de traballo. “Iso posibilitará que os núcleos pequenos volvan ter esa vida”, concluía.

Artigos relacionados

Back to top button