DeportesÚltima hora

A Volta a España máis galega, arranca mañá no Balneario de Laias

A presentación dos 22 equipos que participarán na ronda tiña lugar no entorno termal de Arnoia
Pelotón.
Pelotón.

Un total de 198 ciclistas de 22 equipos e 2.500 persoas acreditadas conforman a caravana da Volta a España 2016, o evento ciclista máis importante do mundo, xunto co Tour e o Giro, que terá a súa etapa inicial mañá sábado 20 de agosto, cunha contrarreloxo por equipos duns 29 quilómetros entre o Balneario de Laias e o Parque Náutico de Castrelo de Miño, que arrancará ás 18:26 horas.

Previa a gran festa do ciclismo que ten na provincia de Ourense a unha das grandes protagonistas, tiña lugar na tarde do 18 de agosto, a gala de presentación no Balneario de Arnoia (Ourense). Alí, víanse as caras os protagonistas da cita, os corredores, entre eles os máis mediáticos como Chris Froome, gañador do Tour de Francia por segundo ano consecutivo, Nairo Quinta, o incombustible Alejandro Valverde e por suposto Alberto Contador; pero tamén artistas como a galega Marta Sánchez compositora e intérprete do tema da Volta 2016 “El ganador”; e tamén moitos políticos, alcaldes dos concellos polos que pasará a carreira, o presidente da Deputación e a directora de Turismo de Galicia, entre outros.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación dos equipos da Volta 2016.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación dos equipos da Volta 2016.

No acto, Manuel Baltar asegurou que a Volta 2016, que por primeira vez en 71 anos preséntase, sae e acolle catro das 21 etapas coas que conta, que discorrerán por 18 concellos ourensáns, sendo Ourense a provincia na que máis etapas se disputan “leva a imaxe da nosa provincia a máis de 150 países e millóns de espectadores” dunha oportunidade moi importante para posicionar a “marca Ourense” pois estamos diante dun dos espectáculos deportivos máis vistos no mundo”.

Nava Castro, pola súa banda, explicou que o deporte e o turismo son dúas disciplinas que van da man. “O deporte é, por un lado, unha práctica que mellora a nosa calidade de vida, unha importante actividade económica, e tamén co deporte gozamos dun tipo de ocio activo, do mesmo xeito, podemos dicir que Galicia e o ciclismo van tamén da man”, e non so porque esta terra sexa berce de grandes ciclistas, “senón tamén porque Galicia encarna os mesmos valores. Fálase de traballo en equipo, solidariedade, agradecemento, amabilidade… pois, Galicia é unha terra amable, próxima, solidaria, de equipo e que convida a percorrer as súas paisaxes e terras”, concluíu.

Artigos relacionados

Back to top button