EntrevistasÚltima hora

Xosé Manuel Merelles: “A sostibilidade no turismo é innegociable”

Este valdeorrés asumía en xullo a dirección da Axencia de Turismo de Galicia

O rues Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia na sede desta entidade./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Natureza, tradicións, gastronomía e o Camiño de Santiago. Son os catro motivos ou recursos principais que levan a un turista a visitar Galicia. Pero xunto a eles hai outro valor estratéxico que distingue á comunidade doutros territorios: ser un destino acolledor. “Cando a xente nos visita séntese ben, vennos como un pobo acolledor e ese é un intanxible que non deberiamos perder. Iso, xunto aos nosos recursos, fainos un destino hiperpotente, con identidade”, destaca o valdeorrés Xosé Manuel Merelles Remy, que o 3 de xullo convertíase no novo director da Axencia de Turismo de Galicia.

Malia estrearse no cargo, coñece moi ben o sector turístico galego e viviu a súa evolución nos últimos 25 anos. Non en van este xornalista rues leva dende xaneiro de 1999 na Xefatura da Área de Comunicación de Turgalicia, que no 2014 pasaba a ser a Axencia de Turismo de Galicia. “Sempre dirixín a área de comunicación e levei temas de marketing, e iso dache unha visión moi boa do que é a axencia e da xestión do turismo en Galicia, que penso que vai servir para aportar valor a esta nova dirección. Este cargo supón para min un salto importante que asumo con moita ilusión”, comenta Merelles Remy, natural da Rúa.

Chega ademais a este posto nun momento no que o turismo galego rexistra cifras de récord e unha tendencia en ascenso nas diferentes comarcas, pero que, ao mesmo tempo, plantexa retos futuros como a consolidación dun turismo sostible e de calidade e a dixitalización. Destaca o potencial que aínda ten por desenvolver a Galicia interior, cunha referencia especial á comarca de Valdeorras, ligando os seus recursos ao eido da enogastronomía.

¿Como valora a evolución do turismo galego nos últimos 25 anos?

O turismo galego vive o momento máis doce na súa historia tanto cuantitativa como cualitativamente. No 2022 rexistramos os niveis máis altos de viaxeiros, con 6,5 millóns, e tamén de peregrinos con case 440.000. E seguimos avanzando xa que nos 5 primeiros meses deste ano chegamos aos 1,5 millóns de visitantes, un 20% máis que no 2022.  E, dende o punto de vista cualitativo, atopamos tamén unha situación especialmente boa. A estratexia que se iniciaba en 1993, coa creación de Turgalicia e do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, agora está dando os seus froitos no senso de que o que se buscaba era diversificar a oferta galega para poder segmentar a demanda e que a comunidade tivera un modelo turístico propio, que a distinguise do resto de España e que lle permitise captar viaxeiros de seu. E iso penso que se conseguiu xa que hoxe o turismo medra en todas as comarcas, nas da costa e nas do interior, e nas cidades. Un caso moi paradigmático é o de Ourense, unha das cidades galegas que máis creceu turisticamente.

¿Que opina do sector empresarial turístico galego? ¿soubo adaptarse tras a pandemia?

Si. A pandemia púxonos a todos ao día, pero fundamentalmente ás empresas do turismo e da hostalaría, que reaccionaron axiña e foron moi pacientes. É certo que a Administración galega respondeu enseguida, pero se non fose pola súa colaboración ao mellor non saiamos para adiante. Sempre dou un dato, en abril do 2021 o Camiño de Santiago estaba pechado, había cero peregrinos e a finais do 2022 batemos récords de turismo, e iso non pode lograrse sen un sector forte e de calidade. Dende aquí sentímonos moi orgullosos do sector que temos.

 

Xosé Manuel Merelles durante a entrevista co Periódico O SIL./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Que papel teñen os destinos do interior galego, tendo en conta o seu factor desestacionalizador?

Á marxe do seu valor durante a tempada estival, que é importante malia que a costa siga tendo un maior protagonismo, ao longo de todo o ano os produtos turísticos que xurden no interior son os que máis visitantes atraen. Un dos exemplos é o noso Outono Gastronómico, no que o 100% da oferta está no interior e que combina as estadías en turismo rural cunha gastronomía tamén de interior con produtos como os cogomelos, a carne ou o viño.

Logo están os trens turísticos de Galicia con 11 rutas, a maior parte delas no interior; as xornadas de portas abertas das Rutas do Viño de Galicia (4 delas en Ourense) ou o Entroido, do que hai 15 anos só gozaban os veciños dos lugares nos que se celebra e hoxe é un produto incrible. E despois existen moitas festas de interese no entorno rural que se converten en elementos moi potentes para esa desestacionalización.

¿Que importancia ten a Ribeira Sacra como destino? ¿o seu modo de xestión podería servir de exemplo para outros destinos do interior?

A Xunta de Galicia leva traballando na Ribeira Sacra polo menos dende 1992 cun labor de promoción sostida, e hoxe ese territorio vive un momento tan doce como o turismo rural. Malia estar entre dúas provincias, Ourense e Lugo, a Ribeira Sacra é algo único, un destino moi ben organizado dende un punto de vista estrutural, cunha oferta e cunha organización empresarial e promocional a través do consorcio, unha figura que teñen moi poucos territorios e que neste caso funciona moi ben. Podería ser un modelo para o turismo de interior doutras zonas, pero adaptándoo xa que cada xeodestino galego ten as súas singularidades. O que está claro é que a Ribeira Sacra é unha xoia, cun gran de-senvolvemento turístico e hoxe hai que obxectivar e analizar que vai suceder a partir de agora, debe camiñarse cara a sostibilidade e evitar os mesmos erros que xa cometeron outros.

Outro referente é a natureza, a provincia de Ourense ten tres parque naturais, entre eles o da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), pero sorprende a diferenza de visitantes entre os parques da costa e os do interior…
Os parques dependen da Consellería de Medio Ambiente, se ben nós temos un produto que se chama “Espazos Naturais”, onde están todos. Pero ao mellor faría alta algo mái de promoción ou ligar ese parque, que é unha marabilla coa súa paisaxe kárstica, as palas ou as aciñeiras; con produtos como o enoturismo para dalo a coñecer.

¿Que potencial ten o Camiño de Inverno, que vivía no 2021/22 o seu primeiro Xacobeo?

Pois penso que sucede o mesmo que co Parque da Serra da Enciña da Lastra que quizais sexa un tema de promoción. Igual hai que ligalo ao que te vas atopar cando o percorres, a unha comarca fantástica como Valdeorras, á Ribeira Sacra, ao Deza… Se a xente sabe por onde vai camiñar, seguramente se anime máis a utilizalo. E aquí tamén habería que facer un pouco de autocrítica, nós mesmos, os valdeorreses temos que crer no que temos entre as mans porque ninguén que estea no Camiño Francés ou no Portugués dubida do potencial desas rutas, o que pasa é que en Valdeorras non temos esa tradición xacobea. Eu só escoito falar marabillas do Camiño de Inverno, fixen as súas etapas e recoméndollo a todo o mundo. O potencial do Camiño de Inverno en Valdeorras e no sur de Lugo é algo por descubrir e probablemente teñamos que traballar todos para poñelo máis en valor, non só a administración. Vemos que o Camiño está aí, pero debemos facelo máis noso, interiorizalo máis e apostar por iniciativas.

¿Que lles diría aos valdeorreses para animalos a poñer en valor os recursos turísticos?

A Costa da Morte é unha comarca que hai 15 anos tiña un potencial enorme, pero o seu de-senvolvemento turístico non era moi elevado. Do 2018 ao 2022 medrou o seu turismo un 20%, e detrás diso hai un sector empresarial que cre nel. No caso de Valdeorras, sabemos que á xente encántalle o godello desta zona, pois, por exemplo, haberá que ofrecerlles degustacións in situ, prepararse para o desenvolvemento enoturístico… Nun principio todo pasa por crer no que temos e despois polo sector empresarial, xa que se el non tira diso, como sucedeu na Costa da Morte, de nada sirve que a administración faga grandes investimentos.

Para tirar do turismo hai que unirse e deben incorporarse outros sectores como o viño ou a lousa, xa que Valdeorras ten un potencial en turismo industrial tremendo, tamén co relacionado co sector hidroeléctrico. Cando eu desenvolvía labores de comunicación convidáronnos á central de Lindoso (norte de Portugal), que se pode visitar, e resultou unha experiencia impresionante. ¿Por que non podería facerse algo similar con centrais como a de Manzaneda? Agora os turistas non están un mes na praia nin de festa en festa, queren ter experiencias e Valdeorras, e o interior galego en xeral, niso ten un gran potencial, o que fai falta é poñelo en valor.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella.

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de agosto do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button