EntrevistasÚltima hora

Xurxo Ayán: “A arqueoloxía da guerrilla contribuíu a humanizar e a poñer nomes e apelidos a estas historias”

Este arqueólogo lucense será un dos relatores das Xornadas do 80 aniversario da creación da Federación de Guerrillas de León-Galicia, que se celebrarán en Carucedo na vindeira fin de semana

Xurxo Ayán, escavando no Val dos Caídos./ Foto: Olmo Calvo.

 

No noroeste, en Repil (Monforte de Lemos) iniciábase no verán do 2016 a primeira escavación arqueolóxica en España dun lugar relacionado coa guerrilla antifranquista. Á fronte do equipo estaba o arqueólogo Xurxo Ayán que, dous anos despois, dirixiría tamén, xunto a Rui Gomes Coelho, o proxecto “Cambedo 1946” na aldea de Cambedo da Raia (freguesía de Vilarelho da Raia, Chaves). Abríase dese xeito un novo camiño arqueolóxico que ten reactivado, con novas intervencións, o coñecemento e as investigacións arredor deste período da historia española, dándolle ademais proxección internacional e xerando novas escavacións dende a “arqueoloxía do conflito” noutros países europeos.

Sobre o que ten suposto a arqueoloxía da guerrilla na Península Ibérica falará Xurxo Ayán (Lugo, 1976) a vindeira fin de semana en Carucedo (León) nas xornadas que conmemorarán o 80 aniversario da creación da Federación de Guerrillas León-Galicia. A súa intervención está prevista para a mañá do 11 de decembro no Salón de Actos do Concello.

– A arqueoloxía da guerrilla ten unha traxectoria curta de 6 anos, pero moi intensa e produtiva…

De feito o obxecto de estudo destas xornadas confúndese co propio estudo, é dicir, o interesante delas é que se conmemora o 80 aniversario da Federación de Guerrillas León-Galicia, que é a primeira organización política e armada da guerrilla en toda España, no ano 1942. E o interesante é que precisamente a arqueoloxía da guerrilla na Península Ibérica iniciouse concretamente nesta mesma zona, no noroeste e as nosas escavacións en Repil no ano 2016 foron as primeiras intervencións arqueolóxicas en escenarios de combate da guerrilla en España.

Neste senso, é certo que se trata dun campo de traballo que sempre foi bastante subalterno, un pouco marxinado a nivel académico naquela altura, pero que ao longo de todos estes anos acabou por sementar un pouco no eido académico e xa son varios grupos de investigadores os que están traballando no tema: en Cataluña, nas Universidades de Granada, de León, de Santiago de Compostela, no CSIC… É dicir, abríuse un campo de traballo que coincidiu co propio proceso de patrimonialización destes sitios porque no 2016, cando iniciamos a escavación de Repil, Patrimonio mesmo non nos obrigaba a presentar proxecto porque consideraban que isto non era arqueoloxía, e iso foi interesante porque a escavación iniciouse en xuño de 2016 e en maio saiu a nova Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, entón digamos que este tipo de prácticas levou á propia administración a considerar patrimonio arqueolóxico a estas evidencias que ata o momento non eran consideradas dese xeito.

E en terceiro lugar, a parte de arqueoloxizar estes escenarios da guerrilla, está a súa conversión en lugares de memoria. A recente Lei de Memoria Histórica de España de hai un par de meses xa recoñece estes sitios como lugares de memoria e iso débese en grande medida, non só ao asociacionismo memorialístico, senón tamén a esta arqueoloxía que se leva facendo nos últimos anos.

– ¿Que particularidades presenta a arqueoloxía da guerrilla dentro do que é a ciencia arqueolóxica?

Partimos da base de que a arqueoloxía é unha técnica da xestión integral do patrimonio e unha metodoloxía que se pode aplicar dende un abrigo paleolítico ata as pegadas que deixamos onte despois de comer. Trátase dunha metodoloxía de análise da materialidade, de reproducir ou intentar deducir ou inferir condutas humanas a partir dos restos materiais, por tanto, pódese aplicar a calquera período. No ámbito anglosaxón, a nivel internacional, a arqueoloxía do conflito, a arqueoloxía do pasado contemporáneo xa conta cunha longa traxectoria, pero digamos que na Europa mediterránea, as vitrinas dos seus museos chegan practicamente ata a baixa Idade Media, é algo que está moi metido aí incluso a nivel académico.

Outra anécdota. Cando a finais dos 90 e comezos do 2000 faciamos a avaliación de impacto arqueolóxico de parques eólicos en lugares como a Serra do Xistral ou en grandes cordais montañosos galegas, moitas veces pasabamos por riba deses campamentos de guerrilleiros pero, a nivel académico, non eran concibidos nin como algo histórico, nin como algo etnográfico, ao máximo ao que chegabamos era a catalogar xacementos medievais ou elementos etnográficos como unha cruz ou un foxo de lobo. Entón todo iso leva a que se obviara esta realidade, que comparte unha característica moi interesante: a meirande parte dos sitios de refuxio e de combate da guerrilla ubícanse en zonas montañosas que actualmente son espazos naturais, mesmo protexidos, e o caso de Trevinca resulta paradigmático, por non falar das Fragas do Eume ou do Canón do río Sil na Ribeira Sacra. Isto é moi interesante porque prima un discurso medioambientalista, aséptico deses espazos naturais e mesmo se vende a idea de que son prístinos, cando iso non existe, e foron baleirados un pouco do seu sentido de lugar e do seu transfondo histórico.

Realmente esta arqueoloxía da guerrilla o que está facendo nas montañas de León e en Galicia ou na Serra de Loja, en Serra Nevada en Granada; ou en Xaén, é precisamente recuperar todo este tesouro histórico e ver como espazos que temos concibidos como lugares de protección económica, por exemplo parques eólicos, ou como espazos de protección natural ou medioambiental, agochan esta loita pola liberdade que durante moito tempo foi obviada, tanto polas comunidades locais como pola academia, como pola administración.

¿Podería dicirse que esta arqueoloxía tamén vén a humanizar esta parte da historia recente no senso de que non é o mesmo falar de documentación, de datos, que amosar un obxecto que, por exemplo, fala da vida cotiá dos guerrilleiros?

Efectivamente. No capítulo das actas destas xornadas que imos ter sobre a federación analizo isto, o poder evocador e o motivo dos obxectos, entón a arqueoloxía contribuíu a humanizar, a poñer nome e apelidos a estas historias, a recuperar tamén o papel da muller, por exemplo, que foi obviado dentro da historia militar, e non só a través dos campamentos ou das casas labregas que foron asediadas pola Garda Civil e queimadas, senón tamén polas exhumacións.

En Galicia por exemplo, en Teilán (Bóveda) téñense exhumado guerrilleiros que foron asasinados no ano 1949, precisamente vinculados ao que pasou antes en Repil e iso permitiu recuperar diversas figuras de guerrilleiros que seguían soando un pouco na tradición oral, sempre esas voces silenciadas con ese medo que había nas comunidades locais, nas que se falaba en voz baixa deles. Pois isto contribuíu moitísimo, igual que o mosquetón do Foucellas ou as botas de Perfecto de Dios, o guerrilleiro que foi asasinado en Ávila, a divulgar e a socializar as figuras dos protagonistas.

Por outra banda, está a aportación arqueolóxica de nova información sobre esta etapa da historia, non todo estaba escrito, descubríronse cuestións que se descoñecían ou que incluso modifican o que se cría…

Si, o certo é que realmente sobre a guerra civil quedan moitas cousas por saber e as grandes teses de doutoramento sobre a guerrilla antifranquista estanse dando a coñecer agora. Por exemplo, Fernández Pasalodos defendeu unha tese brillante este ano na Universidade Autónoma de Barcelona, ou a que está facendo Alejandro Rodríguez, referida máis ao noroeste da península e claro estes traballos demostran que estaba todo por dicir.

No caso de Repil puidemos contrastar todo, a información que había ata o momento era a propia versión oral dos guerrilleiros, guerrilleiros que non estiveron presentes nos feitos, a propia propaganda franquista, tanto dos medios de comunicación controlados por eles como na propia documentación interna; tivemos acceso ao arquivo do Partido Comunista Español que tamén teñen as fotos da visión do partido, a propia tradición oral na cal parece que todo o mundo estaba no monte cando foi o combate de Repil o 20 de abril, hai versións contraditorias…

Polo tanto, nós a través desta investigación interdisciplinar si que logramos achegarnos con bastante nitidez ao que podemos considerar a verdade do que aconteceu alí o 20 de abril do 1949. A escavación que realizamos no 2018 era reconstruír case detectivescamente o que aconteceu alí na tarde do 20 de abril de 1949: a fuxida do guerrilleiro que foi deixando casquillos do seu fusil ametrallador, os tiros de gracia que lle meteron aos tres guerrilleiros que intentaron saír pola porta.

Supón unha verdade inapelable porque o rexistro arqueolóxico non minte, a diferenza da propaganda. Ata que entrou a arqueoloxía había moitas lagoas e dúbidas, moitas versións contraditorias, entón algo que se demostrou a un nivel microespacial como foi Repil, pódese reproducir a toda a escala da guerrilla que durou ata o ano 1952 no conxunto do Estado español. Así que si, a verdade é que queda moito por investigar, e a parte temos que ter en conta outra cousa, que os arquivos militares abríronse hai relativamente pouco e moitísima información está, por exemplo, no Arquivo Militar de Ferrol, onde están todas as causas e consellos de guerra contra os guerrilleiros e os enlaces.

– Ademais de iniciarse no noroeste, ¿este tipo de arqueoloxía tamén foi pioneira no caso de Cambedo da Raia, en Portugal?

Podemos dicir que na raia fronteiriza entre Galicia e Portugal si que existía algún traballo de eruditos locais sobre a rede de axuda, das rutas de evacuación por onde saían xudeus e pilotos aliados, pero non houbo ningún tipo de investigación sobre as paisaxes da guerrilla e Rui Gomes e mais eu fomos os primeiros no ano 2018. Diriximos o proxecto de Cambedo da Raia, onde tamén en decembro do 46 varios guerrilleiros galegos que formaban parte desa federación que estamos conmemorando resultaron asediados nunha casa en Cambedo. Foi un operativo combinado da Garda Civil e do exército portugués, incluso a Garda Civil interviu nun país estranxeiro que é algo que se descoñecía, e foi unha intervención pioneira porque non se fixera nunca arqueoloxía da guerrilla alí.

De feito ese proxecto supuxo o xérmolo de novas investigacións sobre fenómenos guerrilleiros, por exemplo, Rui e eu fomos a Croacia onde desenvolvemos outro proxecto sobre a guerrilla partisana de Tito, e Carlos Tejerizo está abrindo agora unha liña de traballo nas montañas do norte de Italia. Realmente si podemos falar dun foco de radiación dende o noroeste, porque tamén o obxecto de estudo foron dúas grandes federacións, as máis importantes digamos en España. Unha delas era a Federación de Guerrillas de León-Galicia, que rematou no 46, e despois estaba a AGLA, a Agrupación Guerrilleira de Levante Aragón, que se mantivo moito máis no tempo ata o ano 1952 e que abranguía un territorio moito máis amplo. Esa foi a máis poderosa, de feito, nutríase sobre todo de guerrilleiros que viñan de Francia. En cambio, a nosa nutríase máis de ex combatentes da guerra civil que fuxiron da fronte norte, asturianos, leoneses e galegos.

– A arqueoloxía da guerrilla tamén contribuíu ademais a darlle proxección social ao fenómeno da guerrilla, a reavivar o interese e o coñecemento por esta parte da historia…

Si, o documental de “Ciudad de la Selva”, está percorrendo os cinemas de España, que é algo incrible, fíxose agora outro “A mano armada” sobre a guerrilla asturiana, algo impensable hai 6 ou 7 anos. Vemos que existe un gran interese social por esta temática, sobre todo cando estamos falando xa de arqueoloxía de urxencia porque apenas quedan vivos os protagonistas de toda esta historia, de feito está a piques de cumprir cen anos Quico, que era dos guerrilleiros máis novos. Logo de anos de silencio, hai un auténtico boom destes estudos.

Texto: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button