En portadaÚltima horaVídeos

1,5 millóns de euros para pór en valor o patrimonio natural e cultural de Valdeorras, co viño como fío condutor

A comarca conta cun dos tres Plans de Sustentabilidade Turística en Destino da provincia, que se presentaban hoxe en Ourense

 

Os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Enogastronomía na provincia de Ourense presentábanse esta mañá na cidade de Ourense. Son un total de 3 os aprobados na Conferencia Sectorial de Turismo, que beneficiarán a 30 concellos (entre eles os da comarca de Valdeorras) que contarán con 4 millóns de euros.

 

 

 

O acto abríao o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, quen daba paso ao subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, quen remarcaba que “estas axudas a través do Plan de Sostibilidade en Destino consolidan o turismo en Ourense e tamén en Galicia”. Ademais referíase “á cogobernanza entre as administracións e ao papel protagonista das entidades locais en Galicia para o deseño e execución destas accións que dinamizarán cidades, vilas e aldeas, algo que será vital para a nosa provincia de Ourense pola nosa singularidade. A ninguén se lle escapa a nosa potencialidade e os recursos non só enogastronómicos, senón tamén os patrimoniais, naturais e culturais que temos aquí”. Finalmente apostaba por “crear en Galicia un novo modelo turístico baseado en criterios de sostibilidade e de calidade ao máximo nivel internacional”.

 

 

A continuación interviña o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, para presentar o PSTD O Carballiño e a gastronomía do Pulpo (concello de O Carballiño), dotado con 1.000.000€. “O noso proxecto baséase primeiro nunha concepción urbana de corredores verdes que permitan un parque que ten practicamente cen anos no que é a vila, xa iniciamos ese camiño hai 4 anos con acceso peonil e en bicicleta. Ese sería o primeiro eixo do plan, a sostibilidade”.

 

 

Tamén explicaba que o proxecto inclúe unha liña de eficiencia enerxética centrada na iluminación dos elementos principais e singulares do municipio, unha liña de dixitalización coa creación dun produto específico ligado ao pulpo e outra de competitividade. “Nós temos un gremio como é o dos pulpeiros, que practicamente percorre España e Galicia e o que queremos é que, ligado aos pulpeiros vaia o nome do Carballiño. Xa o estamos a facer pero queremos potenciar iso dunha maneira absoluta rotulando furgonetas, carpas, etc. Hai outra parte basicamente será a de rutas de sendeirismo reforzadas e con todo ese conxunto facer un paquete que busca fixar xente no destino turístico e que cada vez teña maior proxección a nivel español e europeo”, concluía Fumega.

Valdeorras: Ruta do Viño Milenaria

Tamén participaba no acto a alcaldesa de Carballeda e presidenta do GDR Valdeorras, María Carmen González, quen expoñía detalladamente o PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria (O Barco, A Rúa, A Veiga, O Bolo, Petín, Vilamartín, Rubiá, Larouco, Carballeda), que conta cun orzamento de 1.500.000€. Comezaba a súa intervención lembrando que “tocamos a comarca probablemente máis definida da provincia de Ourense e quizais de Galicia, Valdeorras: 9 concellos encravados nun val e moi xunto é a entrada de Galicia”.

A partir de aí ía desgranando os catro eixos do plan, o primeiro dos cales é do da sostibilidade, con actuacións como a “a creación dun centro de recepción e interpretación, en Pena Trevinca, teito de Galicia, configurado como un espazo museístico con salas interactivas e audiovisuais onde o visitante poderá coñecer todo o relacionado co hábitat e o espazo e que estará especialmente dedicado ao glaciarismo. Nisto programamos unha partida concedida de 127.613 euros”. Neste apartado tamén se inclúe a creación dunha rede de miradoiros en puntos de interese paisaxístico e patrimonial da comarca con 72.921,73 euros, a potenciación do Destino Starlight Trevinca, unha liña para a rehabilitación das covas ou antigas adegas subterráneas da comarca cun orzamento de 164.063 euros e outra para creación de infraestruturas de turismo activo en ríos e encoros para a súa adaptación aos efectos do cambio climático e posta en valor deportivo-turística con 109.382 euros.

 

 

Un segundo eixo do plan será a mellora da eficiencia enerxética que recolle actuacións como a creación dunha rede de rutas de sendeirismo pola comarca para a contemplación e desfrute dos viñedos e recuperación de rutas tradicionais, organización de actividades ecoturísticas por viñedos valdeorreses, a mobilidade peonil entre O Barco, Vilamartín e A Rúa e a creación dunha ecovía entre estes concellos e “a implantación de sistemas de iluminación eficiente en elementos destacados do patrimonio para pór en valor os recursos sturísticos máis importantes”, matizaba María Carmen González.

 

 

No caso do terceiro eixo do plan abordarase a transición dixital coa “creación dunha web de destino, apps, redes sectoriais, elaboración de contidos moi visuais, fotografías e vídeos que amosen a informción de maneira fácil e accesible para o usuario, con mapa interactivo dos diferentes recursos turísticos”, adiantaba a rexedora de Carballeda de Valdeorras, resaltando que un dos puntos claves do proxecto é “a Ruta do Viño de Valdeorras dixital, posicionamento web, xestión de redes sociais, creación de contidos dixitais enogastronómicos, uso de ferramentas tecnolóxica inmersivas”.

Finalmente, o cuarto eixo do plan estará centrado na competitividade, coa creación de centros de recepción e espazos de degustación de viño e produtos típicos en todos os concellos con centro base na Casa Río Cigüeño (O Barco), así como con actividades de impulso da Ruta do Viño de Valdeorras. Tamén se promoverán “rutas de turismo industrial vinculadas á protección eléctrica e ao turismo activo nas canteiras de lousa, actividades de turismo activo, escalada e creación de produtos para a posta en valor da minería como recurso turístico”, concluía María Carmen González, citando ademais outra partida para darlle impulso ao Camiño de Inverno ligado á enogastronomía e a un sistema de avaliación do plan.

 

 

En terceiro lugar tomaba a palabra o alcalde de Leiro e presidente da Asociación Carballiño Ribeiro, Francisco José Fernández, para dar a coñecer o PSTD Ribeiro, que inclúe aos concellos do Carballiño (Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia, Beariz, Boborás, O Carballiño, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea, Padrenda, Pontedeva e conta con 1.500.000€.

 

 

Plan Territorial de Galicia

O acto pechábao a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen puxo en valor os tres Plans que se levarán a cabo na provincia de Ourense. Estas intervencións forman parte do Plan Territorial de Galicia, que está composto por 3 Actuacións de Cohesión en Destino (ACD), cun investimento de 14,9 millóns de euros, e 11 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), impulsados por entidades locais, que recibirán un total de 17 millóns de euros. O Plan Nacional de Enogastronomía contempla en Galicia tamén 2 PSTD nacionais que contan cun orzamento de 2,6 millóns de euros.

 

 

O Plan, dotado con 34,5 M euros, engloba actuacións en 80 concellos das 4 provincias galegas que teñen como obxectivo a promoción da nosa comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel, poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes áreas do territorio, como a posta en valor dos territorios vitivinícolas, a mellora da comercialización e da promoción de novos produtos turísticos vinculados á enogastronomía galega, a promoción da xestión sostible desde os destinos e a potenciación do territorio enogastronómico galego como un espazo de desenvolvemento turístico cun forte contido na dixitalización e na innovación gastronómica.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button