
Ata 32 curtas, de máis dunha ducia de nacionalidades diferentes, participarán na sección oficial da VIII edición do FIC Vía XIV de Verín, cuxo programa de actividades arrincará oficialmente o vindeiro venres, 8 de setembro. Durante nove días, os habitantes da comarca e aqueles e aquelas que se acheguen ata a zona poderán desfrutar, ademais do visionado dos films que se presentan a concurso dentro das diferentes categorías do certame, dun amplo programa de 21 actividades paralelas (o triple que en anteriores edicións do foro).
O FIC Vía XIV 2023 vai estar especialmente centrado na sostibilidade ambiental e porá o foco neste punto coa programación dunha serie de curtas, encadradas dentro da categoría Horizontes 3, que abordan cuestións como a relevancia da biodiversidade para preservar o futuro do planeta, o dano causado polos residuos plásticos no medio mariño ou o desafío orixinado polo cambio climático e como facerlle fronte, entre outras cuestións.
Precisamente, para afondar no eido da sostibilidade o FIC Vía XIV trae tamén ata Verín este ano un foro de debate, que se desenvolverá coa colaboración de Proxecta-a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, no que diferentes profesionais intercambiarán opinións sobre como integrar esta premisa dentro da xestión cultural.
Actividades novidosas
Amais disto, a organización do certame propón unha edición cargada de novidades entre as que destacan, por exemplo, a posta en marcha dun concurso de pintura para artistas gráficos maiores de 16 anos, que terán o reto de plasmar nun lenzo algunha escena ben recoñecible da historia da cinematografía que previamente escollan ou a programación de diversas actividades destinadas a un público de corte máis profesional, aínda que abertas a todos os interesados e interesadas, como un obradoiro de interpretación perante a cámara ou outro relacionado co emprego das técnicas de Intelixencia Artificial no sector audiovisual, en particular, e artístico, en xeral.
Tamén haberá ocasión de coñecer o rico legado do patrimonio cinematográfico de Verín e comarca mediante o repaso, nunha mesa de traballo, dos diferentes axentes – entre os que salientan cineclubes e salas de proxección- que contribuiron a espertar e fortalecer o interese polo cinema na zona. Unha cuestión fundamental para comprender a esencia e acollida actual do FIC Vía XIV na vila.
Música e gastronomía
Doutra banda, no seu propósito de avanzar cara a un contedor cultural con vocación de permanencia na comarca, o FIC acollerá tamén nesta nova edición diferentes actividades musicais -tales coma concertos, sesións amenizadas por DJs ou musicalización de curtas mudas nun evento que terá lugar na Praza Maior por parte do grupo Caspervek.