RutasÚltima hora

51 enfermeiras toman posesión como persoal fixo nos 3 hospitais públicos da provincia

Delas 35 facíano no Hospital universitario de Ourense, 9 no de Verín e 7 no de Valdeorras

 

O de hoxe será un día para lembrar para os 51 profesionais que veñen de asinar o seu nomeamento como persoal estatutario fixo, nos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras, tras resultar adxudicatarias dunha praza como propietaria, no proceso de estabilización de emprego, para pola vía de méritos sen exame, resolución coa que Galicia se adianta ao conxunto do estado.

Das 51 novas profesionais de enfermería fixas, 35 tomaron posesión no Hospital universitario de Ourense, 9 no de Verín e 7 no de Valdeorras. Día atarefado o de hoxe para o conxunto de Servizos de Persoal da rede Sergas, xa que esta imaxe repetíuse en todos os hospitais de Galicia, nos que se incorporaron como persoal fixo un total de 459 persoas.

Neste proceso, participaron máis de 2.000 profesionais para o acceso -sen exame- a estas prazas. Así, a baremación dos méritos de todos aspirantes, e a resolución do mesmo realizouse en menos de nove meses, tendo en conta a data ata a que se podía inscribir no proceso, grazas ao expediente electrónico profesional (FIDES) que permite unha baremación automatizada trala validación dos méritos polos servizos de persoal.

Coa conclusión deste proceso, redúcese o número de persoal temporal, e procúrase unha maior estabilidade ao cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde, moi especialmente nesta categoría, na que se ofertou o maior número de prazas.

Á maioría das novas propietarias, o 95,21% xa estaban vinculadas ao Servizo Galego de Saúde, sendo na súa maioría mulleres (o 92,81%). Por hospitais a maioría mantense no mesmo centro sanitario, servizo ou incluso unidade de enfermería, o que facilitará a incorporación.

 

 

Pese a dispoñer dun mes de prazo, a partir de hoxe, a maioría das aspirantes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras asinaron hoxe o seu nomeamento para a incorporación inmediata. Finalizado este tempo e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de que as persoas seleccionadas por diversos motivos non tomen posesión da praza ou sexan declarados en situación de excedencia sen dereito a reserva de praza, cubrirase a baixa coa persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación na relación de persoas seleccionadas.

A estas prazas fixas de enfermería súmanse as 1.556 ofertadas na mesma categoría, mediante o sistema de concurso-oposición, neste momento en proceso de iniciar a fase de concurso tras a realización de exames o pasado mes de xuño, segundo informa Sanidade.

De ambos procesos resultarán a súa vez novas vacantes de longa duración, interinidade, nunha cadea coa que se procura reducir a temporalidade, fixar persoal, e mellorar as condicións laborais e a conciliación.

Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde continúa a “traballar nas melloras laborais e retributivas dos seus cadros profesionais. Así, e tras o acordo unánime cos sindicatos do sector sanitario do pasado mes de abril, a Xunta acordou o máis importante avance neste eido dos últimos 15 anos”.

Entre os puntos máis significativos das melloras destacan, o Sergas destaca “a redución da carga laboral e a presencialidade, derivada da redución de xornada con 10 días menos en 2024, e 16 en 2025”. Ademais, increméntanse nun “15,6%, os complementos retributivos de domingos e festivos, que se aplican tamén as noites de sábado e vésperas de festivos”.

Do mesmo xeito “auméntase, nun 7’9%, o complemento noites e turnicidade. Tamén, esténdese, para todo o persoal, a retribución por traballar en días de especial significación (o 24 e 31 de decembro). Mentras que se contemplan novos complementos para as quendas de tarde e deslizantes en Atención Primaria. Xunto a elo desde xullo deste ano, o que continuará progresivamente en 2024 e 2025, configurase a retribución dos venres como domingos e festivos”, asegura o Sergas.

Próximas publicacións

Nos vindeiros días publicarase o nomeamento como persoal estatutario fixo, e adxudicación de destino definitivo, de 42 médicos/as de familia de atención primaria, aspirantes definitivamente seleccionados no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos. Este será o segundo proceso de estabilización resolto por este sistema de concurso.

Así tamén, en próximos días se resolverá o concurso de traslados anual que conleva a mobilidade de mais de 900 profesionais, que obterán novos destinos mais acordes cos seus intereses profesionais e de conciliación da vida persoal e profesional.

Artigos relacionados

Back to top button