ConcellosÚltima hora

685 solicitudes para optar ás axudas da Xunta para danos dos incendios de xullo

As solicitudes corresponden ás ordes para apoiar ás persoas e titulares que sufrisen danos en vivendas, terreos cinexéticos ordenados, infraestruturas de uso público en espazos protexidos, explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras, establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, así como en apoio ás entidades locais

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

 

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia do acordo polo que se dá conta das axudas solicitadas ao abeiro do Decreto de medidas urxentes para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o pasado mes de xullo. En total recibíronse de 685 solicitudes recibidas por importe de máis de 4,7 millóns de euros.

Agora, as peticións están sendo obxecto de valoración por parte das consellerías correspondentes. Ademais, o acordo aprobado hoxe ordena o inicio dos trámites administrativos para o seu pagamento, de maneira que o prazo de pagamento estimado está previsto en todos os casos antes de fin de ano. Os primeiros en recibir as axudas serán os establecementos comerciais, industriais ou turísticos que tiveron danos polos lumes. “Hoxe mesmo activouse a orde de pago e recibirán as axudas nun prazo de 10 días ou días semanas”, destacou Rueda.

As solicitudes rexistradas, agregou o presidente, corresponden ás ordes de axudas destinadas á reparación de danos nas vivendas e no seu enxoval doméstico; nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras, así como nos establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís. Tamén se inclúen as subvencións dirixidas a titulares de infraestruturas de uso público do medio natural en espazos protexidos e aos de terreos cinexéticos ordenados (tecor), xunto co apoio prestado ás entidades locais afectadas.

Axudas por danos nas vivendas

Canto ás vivendas, rexistráronse 20 solicitudes cunha valoración estimada de danos de máis de 1,75 millóns de euros no marco das axudas para propietarios ou usufrutuarios de vivendas afectadas polos lumes. Trátase dunha orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que sufraga o 100 % do valor de reposición en caso de ruína da residencia habitual e de instalacións complementarias, e tamén ata ese máximo para cubrir os gastos de ser posible a reparación ou rehabilitación, sen que o importe poida superar os 122.400 euros. Para as residencias non habituais, a axuda pode abarcar os 61.200 euros, tanto no caso de determinarse a ruína como no de rehabilitación ou reparación.

Ademais, o dano no enxoval doméstico de vivendas ruinosas cóbrese cunha axuda do 100 % dos gastos de reposición cun límite de 15.000 euros, cando sexa habitual, e dun 50 % cun límite de 5.000 euros, cando sexa ocasional. Nos demais supostos, o importe é de ata o 100 % co límite de 7.000 euros ou do 50 % dos gastos de reparación ou reposición do enxoval, co límite de 3.000 €, en función de que o enxoval sexa o da vivenda habitual e permanente ou o da vivenda ocasional, respectivamente.

 

Lume nunha das casas de Alixo (O Barco) durante o incendio forestal de xullo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén esta consellería rexistrou outras sete peticións de titulares de infraestruturas de uso público que suporán 202.394 euros. Corresponden a actuacións dos consellos ou montes veciñais de man común en zonas da rede galega de espazos protexidos e reservas de biosfera para a reposición ou reparación de elementos estruturais de rutas e sendas sinalizadas, instalacións de interpretación ou áreas recreativas no medio natural, no marco dunha convocatoria cunha achega máxima de 20.000 euros por solicitude. No caso dos concellos, poden presentar dous proxectos cunha contía máxima de 40.000 euros.

No caso das actuacións previstas nos tecor co fin de recuperar os hábitats cinexéticos e protexer os solos, contabilizáronse 11 solicitudes por unha contía de 173.691 euros.

Por outra banda, a Consellería do Medio Rural está a analizar as 639 peticións de axuda para a reposición de explotacións afectadas polo lumes, que suman máis de 2,2 millóns de euros. En concreto, 566 dun montante próximo aos 1,6 millóns de euros para cubrir a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados en explotacións agrícolas e gandeiras, así como a subministración de alimentación complementaria. No caso das subvencións para explotacións forestais, contabilizáronse 73 solicitudes para recibir subvencións por preto de 700.000 euros para, entre outros conceptos, a reposición das infraestruturas de titularidade privada en terreos forestais e o equipamento forestal danado.

Establecementos e outros espazos

Pola súa banda, os establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís teñen axudas por parte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación polos danos ocasionados en edificacións, instalacións, maquinaria e mercadorías, así como nos vehículos afectos á actividade. Presentáronse tres solicitudes que pediron un apoio por un importe global de 106.274 euros.

Entidades locais

No decreto aprobado o pasado xullo, a Xunta de Galicia tamén estableceu axudas ás entidades locais a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, para cubrir os gastos derivados das actuacións desenvolvidas como consecuencia dos lumes e os danos causados nos bens de titularidade municipal. Nesta liña, propiciáronse convenios de colaboración coas demais administracións públicas e entidades colaboradoras para o cofinanciamento das accións precisas. Presentaron solicitudes a esta liña cinco concellos da comarca de Valdeorras e da zona do Courel, aos cales se destinarán 288.000 euros.

Ademais a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, investirá arredor de 363.000 euros en actuacións para garantir o subministro de auga nos concellos afectados mediante contratos ou axudas ás entidades locais. Deste xeito, destinará 200.000 euros ás obras para garantir o abastecemento a núcleos de Folgoso do Courel; outros preto de 115.000 euros para reparar a acometida que subministra auga potable en Quiroga; e 48.000 euros para repoñer a estación de bombeo de auga de Oímbra, que tamén se veu afectada polo lume.

A maiores destas actuacións, Augas de Galicia investiu máis de 12.000 euros nos traballos de disposición de barreiras para evitar arrastres nas zonas máis afectadas polo lume, concretamente nas contornas do rego de Castelo e do rego das Lobeiras, no concello de Ribeira.

Artigos relacionados

Back to top button