Unha muller mirando unha lareira é o punto de partida da curtametraxe O Legado, proxectada na noite do pasado mércores na Praza Maior de Xinzo de Limia. O corazón da vila converteuse así nunha sala de cine ao aire libre, pantalla xigante incluída, na que se puxo en valor a identidade cultural de todo un pobo. A historia xira arredor da transmisión dos valores do Entroido entre un avó e a súa neta, vista dende a perspectiva das lembranzas da propia nena en dúas etapas da súa vida: cando era pequena e o avó lle explica o significado da Pantalla e cando, xa adulta, lembra eses intres.
O fío condutor da obra é a propia máscara, que o avó lle fai de pequena e que ela conserva xa de maior, cando o avó xa non está e ela é capaz de entender toda a mensaxe que lle quería transmitir.
A Asociación A Pantalla e o Concello de Xinzo de Limia colaboraron para que a obra audiovisual, que comezou a xestarse nos anos 90, sexa a día de hoxe unha realidade. Así o explica o presidente da entidade cultural, Carlos Valle: “Rescatamos a idea e actualizamos o guión. Son 12 minutos de historia na que se ve como a tradición da Pantalla se transmite de xeración en xeración”.
O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, mostrouse moi satisfeito coa acollida que tivo a obra entre os veciños e veciñas de Xinzo de Limia, asegurando que fora todo un éxito.
A alcaldesa, Elvira Lama, quixo destacar o gran traballo realizado pola Asociación A Pantalla: “O corto plasma fielmente a importancia do legado cultural que representa a nosa máscara. É un gran traballo desta entidade, garante da nosa tradición durante 26 anos”.
A curtametraxe foi producida e dirixida por La Sombra Studios. Tradición, respecto e sentimento son os termos que emprega a Asociación Cultural A Pantalla para definir este emblema do que todo un pobo sente orgullo. A entidade naceu en Xinzo de Limia no Entroido do ano 1996 e o seu obxectivo é a protección, promoción e difusión da Pantalla como o símbolo de identidade cultural máis significativo.
O acto que celebrado na praza Maior de Xinzo foi dobremente especial, xa que ofreceu a súa derradeira actuación a Charanga XL. Despediuse do público despois de anos de música e de representar a Xinzo por máis de 200 lugares de Galicia, Portugal ou Asturias, entre outros. Tamén quixo a rexedora dedicarlle unhas palabras a esta agrupación. “Foi unha gran alegría escoitar a charanga que nos leva á maxia do Entroido e, ao mesmo tempo, á esperanza de que os músicos non tocaran á última, senón sempre a penúltima”.