OurenseÚltima hora

A CHMS outorga unha subvención de 50.000 euros á Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova

 

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Antonio Quiroga; o presidente do Padroado da Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, Antonio R. Colmenero; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; e o responsable das escavacións, o arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer, visitaban na xornada deste mércores 9 de novembro o campamento romano, no que a CHMS contribuíu no ano 2022 cunha subvención nominativa de 50.000 euros.

Durante esta visita o presidente do organismo realizou a comprobación in situ das actuacións, executadas e en execución, financiadas pola CHMS. A Fundación destinou o importe asignado este ano á exhumación e restauración da Porta Praetoria, localizada no flanco oriental do campamento, e que se prevé de similares características construtivas que a Porta Decumana, localizada na parte occidental do recinto militar, composta por dúas torres rectangulares que definen un único carril de entrada ao complexo arqueolóxico.

Aquae Querquennae-Via Nova ten como obxectivo protexer, estudar e promocionar o complexo arqueolóxico que lle dá nome, un antigo campamento militar romano que, a día de hoxe, ocupa parte do leito do encoro de As Cunchas, zona de dominio público hidráulico, así como a calzada romana coñecida como Vía Nova, que unía as cidades de Braga, en Portugal, con Astorga, en León.

 

 

“A través deste investimento, o Estado contribúe a apoiar a recuperación do valioso patrimonio natural, cultural e arqueolóxico, situado no propio encoro, así como para efectuar o control de que as actuacións executadas cumpran coa normativa de Augas” concluíu Quiroga.

O presidente da Deputación de Ourense pola súa banda definiu este complexo arqueolóxico coma “unha das xoias de Ourense e que conta coa máxima colaboración do goberno provincial para cooperar coas escavacións e a promoción, impulso e difusión dun lugar privilexiado”.

Manuel Baltar gabou a figura de Antonio Rodríguez Colmenero, “verdadeiro propulsor desta iniciativa cultural e da continuidade das escavacións, seguiremos traballando para ofertar unha magnífica postal de Ourense”. E destacou as importantes investigacións realizadas por Rodríguez Colmenero nesta escavación e tamén sobre a Vía Nova, calzada romana que unía a antiga Bracara Augusta (Braga-Portugal) e Asturica Augusta (Astorga), e onde precisamente o complexo arqueolóxico de Bande era un dos puntos de descanso.

Artigos relacionados

Back to top button