En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A D.O. Valdeorras amosa na Coruña a súa diversidade vinícola tanto a profesionais como ao público en xeral

Celebraba ao longo do 7 de novembro un exitoso showroom con adegueiros ao que asistían numerosas persoas no Hotel Finisterre

 

Numerosos godellos de diversas anadas, pero tamén mencías, garnachas, algún brancellao e mesmo algún caíño longo, entre outras propostas, podían catarse no exitoso showroom con adegueiros da Denominación de Orixe Valdeorras que se celebraba ao longo da xornada do 7 de novembro no salón Victoria do Hotel Finisterrae da Coruña. A iniciativa permitía probar unha mostra considerable de viños desta D.O. non só do ano, senón tamén doutras campañas valorando as súas múltiples posibilidades

Dende profesionais do sector da hostalaría, sumilleres, pero tamén distribuidores e consumidores finais percorrían pola mañá (en horario de 12h. a 14:30h.) e, especialmente, durante a tarde (de 17h. a 21h.) as mesas das 19 adegas participantes nesta iniciativa, que presenten diferentes e interesante referencias para dar a coñecer a riqueza vinícola deste territorio.

En concreto as adegas participantes neste salón eran, por orde de colocación, Quinta da Peza, Godeval, Joaquín Rebolledo, Viña Somoza, A Coroa, María Teresa López Fidalgo, Alán, O Casal, Pago de los Capellanes, Santa Marta, Terriña, Barón do Sil, Ruchel, Virgen del Galir, Guitián y Blanco, Cova da Xabreira, Roandi, O Cepado e a Cooperativa Xesús Nazareno- Vinos Barco.

“A aceptación foi moi boa, os viños gustaron moitísimo, pasou moita xente polo showroon, moito ambiente tanto de consumidor final como de hostaleiros e incluso compradores de grandes superficies. Creo que o resultado ten sido moi positivo”, segundo explicaba ao Periódico O SIL o presidente do CRDO Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos.

 

 

Esta é a primeira acción deste tipo que se organiza dende o consello regulador valdeorrés despois da pandemia. “Creo que a última acción promocional na Coruña foi no 2018, por iso dende o pleno da D.O. consideramos que era o momento de dar un pequeno refresco aos consumidores coruñeses”, continuaba Rodríguez Castellanos, lembrando ademais o interesante que resulta o mercado da Coruña para Valdeorras. “Tradicionalmente sempre foi un mercado obxectivo noso e segue habendo moito consumo, Coruña é unha zona que non é produtora de viño, co cal todos os produtores vimos vender aquí e si, é moi interesante”.

 

 

De maneira semellante se manifestaban os adegueiros presentes no showroom. “Foi interesante porque a última acción deste tipo que se fixo aquí foi antes da pandemia e agora xa o momento de reactivar un pouco o que é o mercado da hostalaría e consumidores da Coruña capital. Estas accións sempre son positivas, sempre sacaremos algo en claro e vemos un pouco cal é a tendencia dos consumidores, o que si está clarísimo é que a demanda de godellos é impresionante, hai bos godellos en Valdeorras, a xente está moi contenta, o consumidor valóraos. Ademais, hoxe temos un reto importante tamén que é reactivar os tintos na nosa terra, en Galicia, os mencías”, sinalaba o xerente de Vinos Barco, Alfredo Vazquez. “A Coruña é un referente, ten unha poboación importante e cada vez está medrando máis coa entrada de todos estes cruceiros, polo que se nota un consumo maior”.

 

 

Cata previa ao showroom

Este evento promocional constaba de diversas actividades orientadas tanto a prescritores e públicos especializados como a outros de corte máis xeralista. Iniciábase na tarde do 6 de novembro cunha cata, promovida polo equipo do prestixioso sumiller Luis L. Paadín (Paadín Eventos), e dirixida polo director técnico do Consello Regulador, Jorge Mazaira, que se orientou a un público profesional.

Sumilleres, adegueiros, distribuidores, consumidores especializados, xornalistas e bloggers foron algúns dos perfís que conformaron o grupo de case 30 persoas que participou nesta cata comentada, na que se divulgaron datos técnicos e curiosidades sobre o xeito de elaborar viños nun territorio amparado, o de Valdeorras, que se caracteriza por contar cunha gran variedade de solos para o cultivo da uva.

“Trouxemos aqueles viños que son máis difíciles de probar e de conseguir, como son os de máis de catro ou cinco anos. Isto permite ver a evolución e que comproben que os nosos viños non son soamente do ano senón que poden aguantar catro ou cinco anos sen ningún problema. Resultou unha cata de viños superinteresantes como algún brancellao e unha garnacha tintureira do 2014 e onde penso que todo o mundo quedou fascinado co potencial que temos tanto en brancos como en tintos”, resaltaba o director técnico do CRDO Valdeorras.

 

 

Xunto a isto, no marco do programa un grupo de alumnos do Ciclo Superior de Dirección de Servizos de Hostalaría do CIFP Paseo das Pontes da Coruña recibía unha charla introdutoria sobre Valdeorras e os seus viños por parte do director técnico do Consello Regulador.

“Como viñan escolas de hostalaría convidadas, tamén lles demos unha especie de clase tamén para explicarlles todas as connotacións da D.O. Valdeorras, fixemos unha pequena cata dos viños das adegas, e logo baixaban ao salón coa lección aprendida, digamos, porque moitos están iniciándose en tema de cata, pero non deron aínda viticultura e enoloxía e ímoslles adiantando detalles que ao final se non llos explicas, non o entenderían, entón eu creo que era moi importante esta acción”, concluía Jorge Mazaira.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button