OurenseÚltima hora

A EDAR de Ourense, nun proxecto para controlar a pandemia a través da análise das augas residuais

Comezaba en xullo do pasado ano e, co tempo, foron incorporándose novas estacións depuradoras de todo o país, un total de 38 nestes intres

O investigador Jesús López Romalde da USC./ Foto cedida.

 

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) están a colaborar co Ministerio para a Transición Ecolóxica nun programa para predicir e controlar a evolución da pandemia do Covid-19 a través da análise das augas residuais. Trátase dunha das liñas do proxecto de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC.

Este programa, coordinado polo profesor Jesús López Romalde desde o Centro Singular CRETUS da USC, céntrase na vixilancia de SARS-CoV-2 en augas residuais como ferramenta preditiva e de control da diseminación da pandemia entre a poboación. “Levamos moitos anos estudando os virus que se transmiten polas vías oral e fecal, responsables de enfermidades como a gastroenterite. Cando empezou a pandemia descubriuse que o SARS-CoV-2 se detectaba nas feces, co cal o material xenético do virus estaba presente nas augas residuais, e a nivel mundial os equipos que traballamos neste eido axiña nos puxemos en marcha para ver como podiamos axudar a controlar a expansión da pandemia mediante a análise das augas, co fin de predicir brotes na poboación”, explica este investigador.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica contactou con catro grupos nacionais que investigan no ámbito da epidemioloxía en augas residuais, entre eles o da Universidade de Santiago, outro da Universidade de Barcelona e dous do CSIC (IATA de Valencia e CEBAS de Murcia); co fin de que estudasen no conxunto de España as plantas de tratamento de augas residuais para coñecer as cargas do virus. Este proxecto, aínda activo, iniciouse no mes de xullo do pasado ano e co tempo foron incorporándose novas estacións depuradoras de todo o país, un total de 38 nestes intres.

No caso de Galicia forman parte do proxecto as EDAR de Ourense, Lugo e Vigo. Estase a analizar tamén a EDAR de Santiago de Compostela, neste caso froito dun convenio con Augas de Galicia, Viaqua e a Consellería de Sanidade.

Predición da incidencia do virus na poboación cunha antelación de 7 a 10 días

Os catro equipos traballan en colaboración e lograron optimizar os métodos para levar a cabo a concentración e extracción do virus en augas residuais, o que lles permite cuantificar de xeito fiable que cantidade de virus hai. Nesta liña, o profesor Romalde salienta que é posible predicir a incidencia do virus na poboación cunha antelación de 7 a 10 días.

“Detectamos que os momentos de maior número de poboación afectada pola enfermidade coinciden cunha maior cantidade de virus nas augas residuais. E, por exemplo, entre o 18 e o 22 de xaneiro empezou a diminuír a incidencia, e as augas indicaban unha tendencia descendente”, asegura profesor Ramalde. Ademais, os investigadores xa deseñaron un método para poder identificar as diferentes variantes do virus porque “é importante tamén saber a proporción de variantes que hai entre a poboación”, engade.

Din os investigadores da USC que nos vindeiros meses estas análises das augas residuais terán unha gran relevancia para coñecer como está a repercutir a vacinación na evolución da pandemia porque “aínda se descoñece se as persoas vacinadas transmiten a enfermidade”.

Tamén apuntan que “a análise das augas residuais como ferramenta de predición e control da evolución da pandemia é un sistema moito máis doado, estable e económico que realizar cribados masivos entre a poboación. Ademais, estas análises poden sectorizarse por barrios e ir acotando as zonas de maior incidencia do virus, mesmo poden concretarse dun xeito máis específico como nos colectores das residencias de maiores ou das residencias universitarias. É un sistema que funciona, que é realmente preditivo, e permite tomar medidas de control temperás”.

Micromecenado

Jesús López Romalde indica que “o financiamento que estamos a recibir para poder desenvolver as nosas investigacións é moi limitado. Para nós o financiamento é de vital importancia de cara a poder avanzar en novos métodos que nos permitan, por exemplo, detectar novas variantes do virus nas augas e ser cada vez máis rápidos e precisos.

Por iso considera trascendentais iniciativas como o programa de micromecenado “Sumo Valor”. “Agradecemos moitísimo que a poboación se implique con nós porque a finalidade do noso traballo é conseguir facer fronte ao virus, que nos afecta a todos”, sinala Romalde.

Artigos relacionados

Back to top button