Con elegancia e grandes doses de emoción vén de clausurarse o 26 Ourense Film Festival (OUFF) no Auditorio de Ourense, nun evento que recoñecía o esforzo por sacar adiante películas que son pequenas obras de arte, pero tamén da música e da maxia que converteron a Ourense, un ano máis, nunha cidade de cinema.
A noite comezaba na explanada de San Francisco, onde a Real Banda de Gaitas recibía coa súa música aos invitados que acudían ao Auditorio. Entre as composicións que se puideron escoitar na alfombra azul soou o himno oficial do festival.
Dentro, foi o conxunto galego Rodrigo Romaní Trío, do doce son das arpas, o que puxo a banda sonora a unha gala dirixida por Ángel de la Cruz e que presentaron Isabel Blanco e Simone Saibene, que mesmo se atreveron cun número musical para sorpresa do público no patio de butacas. Pouco despois, chegou o momento da emoción: os galardóns.
Entregáronse o Premio ao Mellor Guión para Aaron Brookner, Ana Rocha de Sousa, Paula Vaccaro pola película Listen, o Premio á Mellor Interpretación para Sofia Kappel por Pleasure, o Premio Carlos Velo á Mellor Dirección para Ferit Karahan por Mi mejor amigo, o Premio Especial do Xurado para Pepe Valle por Uzi e, por suposto, a Calpurnia á Mellor Película para o filme belga Playground. Moitos dos galardoados desculparon a súa ausencia e agradeceron o recoñecemento con vídeos.
Ademais, a Asociación de Mujeres Cineastas e de Medios Audiovisuales entregou o Premio CIMA á Mellor Cineasta para Laura Walden, a directora de Playground; e Malencolía e Eles transportan a morte recibiron o Premio Xacobeo á mellor produción galega. Por último, entregouse o Premio do Público a Mediterráneo, a película da Sección Oficial que mellor puntuación media obtivo (4.64 sobre 5) por parte dos espectadores que asistiron ás proxeccións.

Entre os galardóns da noite, tamén houbo oco para unha homenaxe. O compositor coruñés Sergio Moure subiu ao escenario para recoller o Premio Especial OUFF que recoñece a súa gran contribución ao cinema e a televisión con decenas de magníficas bandas sonoras.
Na recta final da gala tomaba a palabra o director do Festival, Miguel Anxo Fernández, que citou a moitos dos protagonistas que ao longo desta edición pasaron por Ourense e que son “todas e todos, amigos do festival e coa súa presenza contribuíron a colocar a Ourense a ao OUFF na marea mediática destes días, colapsada polo tremendo drama que padecen os veciños de La Palma, a quen desde aquí enviamos a nosa solidariedade”. Tamén incidía en que nesta edición consolidouse a internacionalización da mostra, con Portugal, Francia e México, e tamén “confirmouse o festival como porta de saída do noso audiovisual e da súa visibilidade e tamén como porta de entrada”.E poñía en valor a “estratexia de potenciar o territorio da provincia de Ourense como acollida para rodaxes”.

Tamén apuntaba Miguel Anzo Fernández que esta foi a edición da “case normalidade” e aludía xa ao vindeiro ano coa confianza de que “o OUFF se consolide como o festival do Eixo Atlántico e da lusofonía”. E xa ao final da súa alocución adiantaba que “xa estamos a traballar para 2022, pero na estratexia futura do OUFF está a de poñer en valor o seu patrimonio dos agora 26 anos de historia. Iso sitúanos moi por encima no panorama galego de festivais. Vai como exemplo que o ano próximo serán os centenarios da actriz galega María Casares e do director Juan Antonio Bardem, ambos xa foron protagonistas a título póstumo e a cada un deles se lles dedicou un volume”.
A vida segundo Dani da Torre
O broche de ouro á gala de clausura do OUFF chegou da man do monfortino Dani de la Torre e a súa película Live is life. Tanto o director como catro dos cinco rapaces que protagonizan o filme subiron ao escenario para presentar este traballo, que se rodou en parte en Ourense, na contorna da Ribeira Sacra.
OUFF tamén neste 2 de outubro
Aínda que a clausura oficial do OUFF fose este venres, o pano non baixa do todo ata o domingo. Mañá, serán os traballos galardoados nas seccións OUFF En Curto e Fas Muvis os que recollan os seus premios, nunha gala que acollerá o Teatro Principal a partir das 19:30 horas.
E o domingo, tamén no Principal, os espectadores terán unha nova oportunidade para ver algunha das longametraxes premiadas na Sección Oficial:
– Ás 17:00 proxectarase a galardoada co Premio ao Mellor Guión, Listen
– Ás 19:30 será a quenda da Calpurnia de Honra, Playground
– Ás 22:00 horas, poderá verse a favorita do público, Mediterráneo.
Así, con cinema en pantalla grande, é como o OUFF se despedirá ata o ano que vén.
Fotos: OUFF.