En portadaÚltima hora

A evolución da colleita deste ano, abordada na Mesa da Castaña

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán presentou os avances na clonación de castiñeiros e da súa multiplicación in vitro

 

A Mesa da Castaña, órgano colexiado de carácter consultivo e asesor no que está presente a Xunta, mantivo hoxe unha reunión presidida polo director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e á que tamén asistiu o director da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Dentro desta mesa, hoxe estiveron presentes representantes da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia; da Asociación Forestal de Galicia -por parte dos propietarios forestais-; de Proagrosilga, por comercializadores e almacenistas en fresco; da Asociación de Viveiros Forestais de Galicia e da Asociación de Empresas Viveristas del Noroeste, en representación dos viveiros de produción da planta da castaña; e un membro de Aira Sociedade Cooperativa Galega.

Entre os puntos incluídos na orde do día figuraban varios asuntos relacionados con traballos de investigación que se están a levar a cabo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. Un dos proxectos que se abordaron na reunión foi o informe para a modificación dos clons híbridos de castiñeiro, que pasan dunha categoría cualificada a unha controlada.

Este material atópase dentro da silvicultura clonal polas súas boas características forestais, crecemento, forma de fuste e resistencia á tinta, polo que gran parte do material cualificado está sendo multiplicado e comercializado por viveiros produtores tras varias transferencias entre eles.

Por outra banda, tamén se abordaron os avances nos traballos de multiplicación in vitro do castiñeiro, na que se segue a investigar dende o centro de Lourizán. O proxecto mantense en fase de investigación e a medio prazo espérase facer unha transferencia a viveiros. Os centros dependentes da Axencia Galega de Calidade Alimentaria están a traballar para mellorar a rede colaborativa de viveiros, o que facilitará a transferencia dos castiñeiros clonados.

Outro dos temas tratados foi o plan piloto de Galicia sobre as agrupacións de xestión conxunta como ferramenta de recuperación de soutos, que se atopa realizando as primeiras actuacións coa definición das áreas prioritarias de traballo e xestionando os procesos administrativos precisos para a súa creación.

Por último, sinalouse a próxima convocatoria de axudas que estarán dispoñibles para o sector en materia de plantación e recuperación de soutos, fixando como prazo o 24 de novembro para que, sobre a base de convocatoria de 2023, se redacte unha nova convocatoria.

Esta reunión tamén serviu para compartir as primeiras impresión da colleita deste ano. As consecuencias do cambio climático, que deixou altas temperaturas a principios deste mes de outubro, están a ter repercusións na actual colleita “polo que o Goberno galego mantense atento a como se desenvolverá, sempre en constante contacto co sector”, segundo Medio Rural.

A castaña en Galicia

En Galicia hai preto de 50.000 hectáreas de castiñeiro e os soutos abarcan unha superficie de case 27.000 hectáreas. A súa presenza é maioritaria no interior e nas montañas de Ourense e Lugo, cunha produción duns 20 millóns de quilos, segundo os datos da Xunta. Estes produtos están amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, garantindo un selo de calidade.

Ademais, Galicia é a principal rexión en produción e exportación de castañas a nivel nacional. De feito, absorbe máis da metade da produción de castañas de España e unha porcentaxe similar das empresas comercializadoras e as industrias de primeira e segunda transformación vinculadas a este aproveitamento forestal.

No que respecta á comercialización, a castaña galega e os seus produtos transformados destínanse maioritariamente aos mercados internacionais e están presentes en case 30 países de todo o mundo.

Artigos relacionados

Back to top button