OurenseÚltima hora

A futura Lei sobre prevención das adiccións en menores en Galicia está en período de consulta previa

Sanidade vén de asinar un novo convenio coa Fundación Monte do Gozo–Proxecto Home, cuxo importe ascende a preto de 950.000 euros

 

Na xornada deste xoves 6 de maio, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaba as instalacións de Fundación Monte do Gozo–Proxecto Home Galicia en Ourense, para recoller as súas propostas de cara á futura Lei sobre prevención das adiccións en menores en Galicia, que está en período de consulta previa.

“Este novo documento englobará toda a normativa en materia de prevención das condutas aditivas en menores”, explican dende a Xunta, destacando como principal novidade da norma, a incorporación de medidas de prevención doutras adiccións sen substancia e da problemática ocasionada polo uso das tecnoloxías dixitais e, en particular, coas relacionadas co uso das redes sociais e os videoxogos.

Con esta nova lei, “búscase solucionar problemas como o elevado consumo de substancias, legais e ilegais, por parte da mocidade e a idade temperá na que os mozos se inician no consumo”, apuntan dende o Goberno galego. Tamén pretende solventar a dispersión das normas relativas a venda, subministro, consumo, publicidade, promoción e patrocinio das principais substancias psicoactivas, coa conseguinte dificultade para o seu coñecemento por parte da cidadanía e das institucións. Así mesmo, abordará medidas fronte ao incipiente desenvolvemento de problemática relativa a videoxogos, uso problemático de internet e das redes sociais.

Convenio coa Fundación Monte do Gozo–Proxecto Home Galicia en Ourense

Acompañado da xefa territorial da Consellería de Sanidade, Laura López, e da nova directora do Proxecto Home Galicia, Ofelia Debén, o responsable da Xunta destacou o compromiso do Goberno galego con entidades que, coma Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home Galicia en Ourense, traballan no eido dos trastornos aditivos.

“Neste 2021, o departamento sanitario do Executivo autonómico destina máis de 10 millóns de euros ao desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con este tipo de condutas na Comunidade”, explicou Alén, lembrado que a Consellería de Sanidade, a través do Servicio Galego de Saúde, “vén de asinar con esta fundación un convenio de colaboración para o desenvolvemento de programas de atención integral e rehabilitación de persoas con problemas derivados do consumo de drogas, alcohol ou condutas de xogo patolóxico na nosa Comunidade, por un valor de 946.588,5 euros”.

A Fundación conta en Ourense cun centro de acollida e reinserción e unha comunidade terapéutica urbana de 18 prazas, e programas de ludopatías e de inserción sociolaboral. A través da comunidade terapéutica desenvolve un programa de apoio a domicilio cada quince días para aquelas persoas que non poden seguir o programa ambulatorio. Asemade, esta fundación conta cunha comunidade terapéutica intrapenitenciaria, en Pereiro de Aguiar.

Artigos relacionados

Back to top button