No Complexo Deportivo da Granxa de Verín era recibido na mañá do 16 de outubro Marcos Bajo deportista con discapacidade visual debido a unha Enfermidade Rara, cofundador da Asociación “Muévete por los que no pueden”, artífice da III Volta Solidaria a España. Alí agardábano o concelleiro de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Eugenio Quintas e a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza.
Eugenio Quintas quixo agredecer a Bajo o “titánico esforzo” realizado pola Asociación “Muévete por los que no puedes” á hora de visibilizar a problemática das Enfermidades Raras e destacou a «importancia que teñen este tipo de accións para concienciar á poboación sobre os problemas aos que se enfrontan a diario as persoas que conviven con estas enfermidades pouco frecuentes».
Esta iniciativa púxose en marcha para dar a coñecer as enfermidades raras (ER), animar ás persoas con discapacidade a practicar deporte saudable, eliminar as barreiras sociais e achegar á poboación a realidade dos pacientes e familiares de ER. Tamén pretende recadar fondos para a continuidade das investigacións.
O reto consiste nun percorrido por media España en modalidade dúatlon (a diario, unha maratón a pé e un media maratón en bicicleta) en 35 días. O traxecto iniciouse en Bilbao o 7 de outubro, tras dúas etapas prólogo polos arredores da capital bilbaína, e está previsto que finalice en Barcelona o 10 de novembro 2019.
Bajo, nesta III Volta Solidaria, unirá 5 centros de investigación en Enfermidades Raras, os cales foron bolseiros en 2018 ou 2019 pola Asociación que preside, con estas visitas pretenden visibilizar a situación actual da Investigación en España.
Xunto a Marcos, un deportista amateur que ten retinose pigmentaria, vai o seu equipo de apoio, formado por Minerva González e Gregorio Jiménez, os cales lle darán soporte, nutricional e loxístico na totalidade do percorrido e Roberto Calderón que se unirá en tramos puntuais, equipo formado integramente por persoas con algunha discapacidade, con patoloxías tales como, cegueira por desprendemento de retina, afeccións cardíacas, retinose pigmentaria e síndrome de Mèniére.
Máis información:
https:// mueveteporlosquenopueden. org/percorrido/
Fotos: Concello de Verín.