OurenseÚltima hora

A lucense Olga Osorio, Premio Chano Piñeiro do 28º OUFF

A directora de "Salta!" recibira esta distinción na gala inaugural do festival, prevista para o vindeiro 29 de setembro

Olga Osorio./ Foto cedida.

 

Coa longametraxe de ficción ¡Salta!, estreada o 1 de setembro nas salas, a directora Olga Osorio (Lugo, 1972) cumpre un dos seus soños. Directora, guionista, fotógrafa, docente, xornalista, ensaísta. Son múltiples as facianas creativas desta lucense cuxo traballo será recoñecido neste 2023 co Premio Chano Piñeiro do 28º Ourense Film Festival (OUFF), que recollerá na gala inaugural do festival o próximo 29 de setembro. Esta distinción do OUFF intituíase en 2021 para recoñecer a figuras emprendedoras do audiovisual galego que, desde diferentes frontes, desenvolven os seus proxectos.

¡Salta! é unha película rodada integramente en Galicia, protagonizada por Tamar Novas e Marta Nieto, coa participación de Mario Santos, Rubén Fulgencio e Irene Jiménez e de Mabel Rivera e Manuel Manquiña. O filme está producido pola empresa galega Vaca Films pilotada por Enma Lustres, coa participación de RTVE e o apoio de Amazon Prime, CRTVG, Agadic-Xunta de Galicia e o programa Media. A propia Osorio é, xunto a Araceli Gonda, guionista desta historia ambientada nos anos oitenta ao redor de dous irmáns marcados pola desaparición da súa nai científica.

Máis talento galego no filme: o do compositor Manuel Riveiro, autor da banda sonora. Os saltos no tempo e a idea de poder reescribir o pasado conducen unha película que contén certos elementos de ciencia ficción e moita emoción. Osorio recoñeceu en máis dunha entrevista que os seus propios fillos inspiraron esta película, que foi como unha carta escrita para eles.

O xermolo de ¡Salta! atópase na curtametraxe Einstein-Rosen, co que Osorio competiu en outubro de 2016 na sección oficial do Festival de Sitges. Foi a única muller realizadora en competición nesa edición, tanto en longas como en curtas. Este traballo foi seleccionado en máis de 250 festivais e adquirido pola prestixiosa canle Arte. Tamén en Sitges, un ano antes, estreouse a súa primeira curtametraxe de ficción reStart, co que tamén viaxou por numerosos festivais. En 2017 roda Mouras, a súa terceira curta, -con apoio de Agadic-Xunta de Galicia- que foi seleccionada para o EuroConection do recoñecido festival Clermont Ferrand e estreouse no ScreamFest de Los Ángeles en outubro de 2018. Antes de chegar á súa primeira longa de ficción, Osorio roda Tinder Time, en 2018, un curto onde hai moito humor e que se estrea ese ano no Mecal de Barcelona.

As súas facetas profesionais e artísticas asombran; non só escribe cinema, senón sobre cinema, proba diso é o seu ensaio sobre a emblemática Solaris de Andréi Tarkovski (Nau Llibres, 2014). Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e Doutora en Humanidades pola Universidade da Coruña, con premio extraordinario, é docente no CIFP de Imaxe e Son da mesma cidade desde o ano 2000, e durante case vinte anos exerceu como profesora asociada na universidade coruñesa. Traballou como xornalista en La Voz de Galicia, El Progreso e El Ideal Gallego; como fotógrafa expuxo en salas e galerías de toda Galicia. Agora mesmo Olga Osorio está a desenvolver o seu segundo filme coa produtora Nostromo Pictures.

O Premio Chano Piñeiro do OUFF foi instituído en 2021 para recoñecer a figuras emprendedoras do audiovisual galego que, desde diferentes frontes, desenvolven os seus proxectos. Outras dúas mulleres do sector recollérono antes: a produtora Beli Martínez (Filmika Galaika) recibiuno en 2021 e a directora de fotografía Lucía C. Pan na pasada edición. Será na gala inaugural do próximo 29 de setembro cando Olga Osorio recolla o terceiro Chano Piñeiro do festival de Ourense.

O 28 OUFF, que se desenvolverá do 29 de setembro ao  8 de outubro, está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button