En portadaSanidadeÚltima hora

“A morte perinatal é un feito que sucede e temos que mitigar a dor dos pais que no futuro pasarán por iso”

O Barco acolle a "I Xornada sobre Morte Perinatal. O deulo invisible", entre cuxos ponentes están María Conde e José de Jaime, pais de Clara, un bebé que falecía na semana 40 de embarazo

 

“Vivimos en primeira persoa a morte perinatal e ata ese momento non coñecíamos a súa existencia. Para nós enfrontarnos a iso resultou algo demoledor, pero encontramos axuda nas asociacións e pais e nais que pasaron por esa experiencia e agora nós imos collendo o testigo, queremos ser parte dese grupo para axudar. A morte perinatal é un feito que sucede e que non vai deixar de suceder aínda que non se fala dela. Temos que axudar a mitigar a dor dos pais que no futuro pasarán por iso, contribuír a axudalos”. A xurista vilamartinesa María Conde, nai de Clara, un bebé que falecía na semana 40 de xestación, comezaba deste xeito a súa ponencia na I Xornada sobre Morte Perinatal, que se está a celebrar neste 15 de outubro no edificio multiusos do Barco.

O programa iniciábase ás 9h. cunha presentación que corría a cargo da Asociación Bolboretas no Ceo, creada para dar apoio ás nais e pais que sofren a morte perinatal. Deseguido a psicóloga Jesica Rodríguez abordaba a visibilidade e conciencia social do duelo perinatal incidindo en tres cuestións principais: a visibilidade deste tipo de morte, o tratamento social do duelo perinatal e a repercusión no ámbito familiar da morte e do duelo perinatal.

Despois a xornada incluía a testemuña dun pai que pasou pola experiencia da morte perinatal, José de Jaime, marido de María Conde, quen explicaba a súa vivencia e como foi o proceso do duelo no seu caso. A partir das 11:30h. era a súa esposa, María Conde quen tomaba a palabra. Previamente era presentada por Lorena Prada, presidenta da Asociación Nai a Nai (promotora da xornada en colaboración co Concello do Barco), quen explicaba que a iniciativa de levar a cabo esta actividade partía de Conde e agradecía o seu esforzo.

 

Lorena Prada, presidenta de De Nai a Nai, entidade organizadora da xornada, presentando á xurista María Conde durante este encontro./ Foto: A.R.

 

Esta xurista natural de Córgomo contaba, tamén dende a experiencia, como a dor da morte perinatal “é invisible, non está socialmente aceptada, estes bebés que falecen xuridicamente son inexistentes”, aseguraba. Ademais, antes de entrar na materia da súa ponencia, dedicáballa emocionada, de xeito especial, aos seus fillos Clara e Alonso, que son as persoas que máis quero no mundo” e á súa familia. Tamén aos bebés falecidos en morte perinatal. “Podemos cambiar as cousas que non funcionan e para cambiar, é necesario darlle visibilidade a esta situación”, engadía.

 

María Conde coa súa mai, e co seu esposo, José de Jaime, durante a xornada./ Foto: A.R.

 

A partir de aí, e coa pantalla en branco, comezaba a súa exposición, xa que “non existe no noso ordenamento xurídico ningún tratamento da morte perinatal”, pero “son unha persoa positiva e penso que unha folla en branco pode ser tamén unha oportunidade, é dicir, non existe lexislación, pois imos creala dende o principio e dende o respecto”. Conde explicaba nese senso o réxime xurídico aplicable, a problemática ante a falta de consideración xurídica da morte perinatal e a necesidade de adaptación da lexislación á realidade social da morte perinatal, entre outras cuestións.

A xornada continuará pola tarde, centrada xa no obradoiro “Morte perinatal. Coidados. Da teoría á práctica”, que será impartido por Natalia Alonso, matrona.

Fotos: As catro primeiras cedidas por De Nai a Nai, o resto da autoría de A.R. Na fotografía número 6 da galería a imaxe que aparece proxectada no fondo está suxeita a dereitos de autor.

 

Artigos relacionados

Back to top button