En portadaÚltima hora

“A nosa idea é poder xerar unha marca de Valdeorras”

A presidenta de AEVA, Araceli Fernández, manifestaba durante a asemblea anual desta entidade a importancia de apostar polo turismo na comarca nunha acción que involucre tamén ao resto dos sectores da zona

De infraestruturas, emprego, actividade económica, dinamización, oportunidades e turismo falaba a presidenta da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Araceli Fernández, no decurso da asemblea que esta entidade celebraba na tarde do 14 de xuño no salón de actos do edificio multiusos do Barco. Nela facía balance das xestións realizadas ao longo do seu primeiro ano á fronte desta entidade. Incidía en cuestións como as comunicacións viarias, explicando a situación de proxectos como a A-76 ou a circunvalación do Barco, e manifestando, unha vez máis, o deterioro que presenta a N-120, principal vía de comunicación de Valdeorras coa Meseta e con Galicia.

Ademais sinalaba os diversos servizos que presta AEVA en materia de emprego, asesoramento ou formación e a aposta que se está a facer en materia turística, con iniciativas como a presentación, dentro do Xeodestino Manzaneda-Trevinca, dun proxecto de “dinamización no que pretendemos implicar aos sectores da comarca (lousa, viño, hostalaría e comercio) e no que se inclúen distintas actividades de carácter cultural para lograr a dinamización de Valdeorras e dos seus sectores produtivos”. AEVA considera necesario “xerar unha marca de Valdeorras, vender a comarca, pero para iso tense que crear unha estrutura que dinamice e nos organice a todos e con esa filosofía imos intentar empezar a traballar este ano”, dicía Araceli Fernández.

Na asemblea aprobánbase as contas, as novas afiliacións dende a anterior asemblea, e ratificábnase o acordo de incorporación a AEVA da Asociación de Empresarios Bodegueros de Valdeorras e un convenio de colaboración coa Asociación Ruta do Viño de Valdeorras. Tamén se lle rendía unha homenaxe a catro empresas que cumpren neste ano dúas décadas dentro da asociación.

Finalmente, dábase paso ao acto de clausura que nesta ocasión corría a cargo de Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas e presidente de Sogarpo. Na súa intervención, que iniciaba confesando que “é a primeira vez que clausuro algo”, facía un percorrido pola historia deste grupo empresarial ourensán dende a súa creación en 1867 ata a actualidade. Falaba de cada un dos pasos que se foron dando nestes 151 anos de vida e das catro xeracións que os fixeron posibles. “En cada unha delas aprendimos algo, a primeira foi a do emprendemento, a segunda ensinounos a responsabilidade social, na terceira, que para min é quizais a máis importante, deuse a innovación, o cambio máis brusco do grupo, e na cuarta a profesionalización”.

Yuste referíase ao reto que supón a demografía na provincia e á realidade económica e empresarial de Valdeorras dentro do marco ourensán, mencionando áreas como a da industrialización e os servizos e facendo especial fincapé no sector agroalimentario e nas características que presenta en Valdeorras fronte ao resto da provincia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button