CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A ollada colorista dos escultores Torino e Conde, no escaparate de Miranda Moda no Barco

Expoñen 8 obras ata primeiros de decembro no marco do proxecto "MirArte" que promove este establecemento comercial

 

Pedra, metal, madeira e… tamén cor, moita cor. De tonos verdes, amarelos, malvas ou azuis. É a combinación de elementos co que xogan os escultores Manuel Conde e Torino na súa última mostra, que pode verse dende hai uns días no céntrico escaparate de Miranda Moda no Barco, dentro do proxecto “MirArte”.

Teñen sido xa varias as ocasións nas que estes artistas de Valdeorras amosan as súas creacións nesta singular galería de arte. De feito o proxecto “MirArte”, que promove dende hai anos este establecemento comercial, situado na avenida Conde Fenosa, aposta precisamente pola difusión da arte desta comarca en calquera disciplina: pintura, escultura, fotografía, música, poesía…

Un total de 8 esculturas, coidadosamente integradas no escaparate de outono desta tenda, achegan ao público algunhas das últimas obras destes creadores, nas que, fronte ás cores naturais da madeira, do metal ou da lousa, irrompen novas tonalidades e debuxos, que camiñan, ao mesmo que as pezas, entre o figurativo e o abstracto. Esta exposición poderá visitarse ata o 9 de decembro.

 

 

Manuel Conde

Escultor de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), fai da madeira unha necesidade. Os corpos das súas esculturas estíranse en ángulos imposibles, como querendo fuxir cara o máis alá. Semellan almas atormentadas que queren arrincar as  raíces que as atan a este mundo e retirarse a un plano transcendente, onde a materia deixa paso á anima, onde o desgarro do sufrimento deixa paso ó descanso eterno. Figuras etéreas con rostros desgarrados, desfigurados pola dor, polo desexo, pola vida… Sentimentos desesperados que queren rachar con ese corpo que os confina a unha anguria existencial infinda.

Torino

Victorino Nuñez Díaz, Torino, nado en Carballal (Petín), traballa con madeiras inertes que lle ofrece a natureza salvaxe, reciclándoas e dándolles  nova vida.

Comezaba expoñendo no ano 1983, en Santa Comba (A Coruña) e a partires desta data continua a súa
traxectoria participando en múltiples exposicións, tanto individuais como colectivas especialmente
na provincia de Ourense, pero tamén fóra dela.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button