EconomíaEconomíaÚltima hora

A Rúa conta co distintivo de “Concello Emprendedor”

O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde reuniuse cos alcaldes da Rúa, Álvaro Fernández e Leiro Francisco Fernández

Reunión telemática do conselleiro de Economía co alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.

 

Co principal obxectivo de avaliar diferentes vías de colaboración para impulsar o tecido empresarial dos concellos, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuníase esta semana cos alcaldes dos municipios ourensáns da Rúa, Álvaro Fernández, e Leiro, Francisco José Fernández.

Nestes encontros, Conde destacou as oportunidades que ofrece a futura Lei de reactivación –que se encontra actualmente en fase de tramitación no Parlamento de Galicia– para “atraer novas iniciativas empresariais cara aos concellos galegos e impulsar o emprendemento, avanzando na simplificación administrativa e facilitando os investimentos, ao tempo que se achegan as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e ambientais para contribuír á consolidación do tecido empresarial galego”.

 

O alcalde de Leiro, Francisco José Fernández e o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.

 

Unha das medidas recollidas na normativa que se está a tramitar é precisamente o impulso da figura dos Concellos Emprendedores, un distintivo co que contan tanto A Rúa como Leiro, que comparten coa Xunta a necesidade de “levantar as barreiras ao investimento empresarial para estimular a actividade económica e facilitar os trámites administrativos”.

Para ser Concello Emprendedor é necesario comprometerse a proporcionarlles ás empresas e aos emprendores máis simplificación administrativa (bonificacións de ata o 95 % no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes); máis facilidades de acceso a solo industrial (concesión das licenzas de obra maior nun prazo máximo de 30 días naturais dende que dispoñen de todos os informes); e máis incentivos fiscais (bonificacións e incorporación do dereito de superficie para favorecer o acceso a solo empresarial no municipio).

A futura Lei de reactivación, tal e como subliñou Conde, “permitirá seguir avanzando neste eido, promovendo un cambio de cultura administrativa para lograr a máxima axilización. O obxectivo é achegar unha resposta áxil para facilitar a actividade económica, dando resposta aos novos retos aos que se enfronta Galicia”, dixo o conselleiro.

Artigos relacionados

Back to top button