DeportesÚltima hora

A tempada de pesca para a troita irá do 15 de marzo ao 31 de xullo, excepto en masas de auga salmoneiras e de montaña nas que comezará o 1 de maio

O Comité Galego de Pesca Fluvial vén de aprobar as condicións para a práctica desta actividade na vindeira tempada

 

A Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda celebraba, na mañá do 12 de novembro, a reunión anual ordinaria do Comité Galego de Pesca Fluvial, na que se aprobaron as condicións para a práctica desta actividade durante a tempada 2020. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, presidiu esta xuntanza, que contou coa participación de representantes dos sectores implicados na pesca continental en Galicia. 

No tocante ao salmón, o período xeral abranguerá do 1 de maio ao 31 de xullo, mantendo uns períodos específicos nos coutos compartidos con Asturias, así como no río Ulla, no que para a vindeira tempada pecharase ao acadar a cota establecida ou o 30 de xuño.

As cotas de captura serán similares ás da pasada tempada nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense. Concretamente, no río Mandeo (A Coruña) establécense 5 exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (Lugo), a cota é de 15 e 10 exemplares, respectivamente; e no río Miño (en Ourense) fixase en 8 exemplares. Pola súa banda, as cotas nos ríos da provincia de Pontevedra son de 40 exemplares no río Ulla. O límite segue a ser dun salmón por pescador e día, e tamén se mantén a autorización dos engados permitidos. Polo que respecta ao reo, mantense o período do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns coutos.

 

Pescador no río Sil. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

En relación á troita, a tempada abrirase o 15 de marzo prolongándose ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras e as masas de auga de montaña, nas que a tempada comezará o 1 de maio. Por outra banda, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, a tempada prolóngase ata o 30 de setembro; nos coutos con convenio a tempada prolóngase ata esta mesma data na modalidade de pesca sen morte.

Con respecto á nova Lei de Pesca Continental de Galicia, que se está ultimando, a directora explicou que “permitirá avanzar en tres aspectos principais: garantir o relevo xeracional, potenciar de xeito progresivo a instauración da modalidade de pesca sen morte, facéndoa compatible co modelo extractivo actual e converter a pesca nun instrumento dinamizador do rural”.

Artigos relacionados

Back to top button