CulturaCulturaÚltima hora

A tradición contada a través da voz de Vicente Risco, no Barco

Avelino González presentaba o seu espectáculo "A todo Risco" neste 19 de maio na Praza Andrés de Prada

 

“Na tradición está a nosa forma de facernos persoas, de estar no mundo, de ser orixinar e creativos, de non ser obedente e, a partir de aí, estamos no mundo”. Así o dicía e demostraba Avelino González na tarde do 19 de maio o Barco, botando da man da sabedoría dos contos tradicionais, no seu espectáculo “A todo Risco”, baseado no escritor e entógrafo ourensán Vicente Risco (1884-1963) e na súa aportación á Xeración Nós.

E para amosar como esta tradición segue pervivindo, aínda que moitas veces non se sexa consciente diso, na sociedade actual comezaba a función cun exemplo moi sinxelo. Amosando unha ponla de sabugueiro, árbores presentes no Barco e en moitos lugares de Galicia, que na coñecida historia de Harry Potter é a súa variña máxica.

A partir de aí comezaba a debullar historias tradicionais, intercalándoas con diferentes momentos vitais de Risco, e tamén poñéndoas en conexións con referentes moi actuais como Mandalorian, a saga de Crepúsculo ou Xogo de Tronos. Contos como o da princesa do Bolo á que un mozo salvaba con ovo de cobra, ou aqueles outros orientais como o da bubela que se refuxiu nun niño de curuxas ou o da partilla entre dous irmáns; ou outros localizados nas terras de Trives como o do lobishome ao que lle quitaron á fada ao queimar a súa pel.

 

 

Relatos locais e fóraneos coa que Risco amosaba que “a tradición é globalizada, diversa e igualitaria ao mesmo tempo”, indicaba Avelino González. Un Risco ao que lle gustaba desenvolver as súas tertulias con viño tostado e compartilas coa rapaza, que buscaba o orixinal que caracteriza a cada tradición, refugaba a copia e que defendía que un debe estar no mundo coa súa propia voz. E precisamente cunha historia de Risco, “Meixelas de rosa”, pero que se ía completando coa visión persoal e aberta de cada unha das persoas do público concluía este delicioso percorrido, no que non faltaba o humor, pola xeografía persoal e literaria, cunhas fondas raíces na tradición ourensá, de Risco.

Esta actuación formaba parte do programa deseñado polo Concello do Barco para conmemorar as Letras Galegas.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button