CulturaCulturaÚltima hora

A tradición da mata do porquiño de San Antón e os fíos, en Sande (Cartelle)

Durante a pasada fin de semana a veciñanza desta parroquia recreaba esta tradición

 

Esta fin de semana foi do máis activa para os veciños da parroquia de Sande, concello de Cartelle, con dúas actividades organizadas pola AC Entroido As Bonitas de Sande. En primeiro lugar facíase a matanza tradicional do “porquiño de San Antón”. Neste ano, como novidade, dende a asociación mercouse un porquiño para que os veciños o criasen. Agora non pode andar solto pola aldea como antigamente, pero si nunha corte onde os veciños se achegaron aportando dende cabazos ou remolachas a verzas ou centeo para contribuír á súa alimentación. Ademais, a palla que lle valeu de cama foi a que se recolleu tras facer a recreación da malla no verán, ao igual que os dous sacos de trigo obtivos nese evento serviron para alimentalo.

“A idea era pechar un círculo e agora, unha vez criado de xeito tan natural e feita a mata, a idea e facer un cocido para que os veciños desfruten da boa carne, os chourizos e tamén dunha fermosa xornada de convivencia”, tal e como indican dende a asociación.

Por outro lado, cortouse a palla do millo para elaborar por segundo ano os píos, “unha construción agrícola que antigamente enchían as fincas traballadas de toda a parroquia de Sande. A súa finalidade era servir de cama ao gando. Pero, chegada a noite de fin de ano, a modo de trastada, os mozos queimaban os píos duns a outros. Unha especie de divertida rivalidade que facía que esa noite Sande se iluminase co lume que desprendían estas construcións”, explican dende esta asociación cultural.

Para lembrar esa época, ao igual que o pasado ano, recolleuse a palla e elaboráronse seis simbólicos píos (un máis que o pasado ano) para que na noite de fin de ano, despois das campanadas, queimalos antes de seguir festexando a chegada do 2023.

Obradoiro e bingo de Nadal

Para o día 30 de decembro (a partir das 16 horas) está pensado un obradoiro para a cativada, con merenda e, a continuación, cine infantil con flocos de millo. O día 6, pola tarde (a partir das 17:30 horas), toca sesión de Bingo para tódalas idades con divertidos agasallos para que ninguén quede sen o seu detalle de Reis.

Ademais dende a asociación xa están pensando no Entroido, que este ano ten os seus días grandes en Sande o 18 de febreito, coa Captura do Oso nas adegas de Mogos; o 19, coa visita das Bonitas ás aldeas da parroquia; o 20, terá lugar o fulión nocturno, e o 21, remata o ciclo de Don Carnal co Martes de Entroido.

Artigos relacionados

Back to top button