SanidadeÚltima hora

A unidade móbil de resonancia magnética retoma a actividade no Hospital de Valdeorras

Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

As tres unidades móbiles de resonancia magnética con que conta o Servizo Galego de Saúde veñen de reanudar hoxe a súa actividade a carón dos hospitais comarcais de Valdeorras no Barco, e O Salnés e o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, tras un parón obrigado pola fase aguda da pandemia provocada polo coronavirus.

“Este sistema de unidades móbiles permite dar resposta, coa máxima calidade diagnóstica, a unha demanda dispersa pero importante no seu conxunto, cunha fórmula asistencial áxil, flexible, satisfactoria para o usuario e capaz de obter o máximo rendemento asistencial dun recurso tecnolóxico de última xeración”, tal e como se indica dende a Consellería de Sanidade.

Na primeira xornada de volta á actividade, as unidades móbiles atenderon ao redor de 45 pacientes aos que se lles realizaron las exploracións con resonancia magnética solicitadas polo especialista, uns quince pacientes en cada unha delas, o que supón unha lixeira redución respecto da vintena de pacientes que se atendían en condicións normais, e sen a ameaza do coronavirus. “Esta diminución débese á aplicación do plan de continxencia que se estableceu para evitar contaxios e que inclúe, entre outras actuacións, a desinfección da sala e o equipo con cada paciente, o mantemento das distancias establecidas e o uso por parte dos pacientes e do persoal da unidade dos correspondentes elementos de protección individual”, matiza Sanidade.

Calcúlase que desde o 11 de setembro de 2006, data na que entrou en funcionamento a primeira das unidades deste servizo, os pacientes dos hospitais comarcais aos que se realizaron resonancias magnéticas nestes equipos aforráronse máis de 22 millóns de quilómetros de desprazamentos

Desde aquela data na que se levou a cabo a primeira resonancia magnética nunha unidade móbil ata finais de 2019, realizáronse 183.147 probas a un total de 151.230 pacientes que residen no ámbito xeográfico dos sete hospitais comarcais de Galicia.

Polo que se refire ao último cómputo anual, no ano 2019 realizáronse nas unidades móbiles de resonancia magnética do Servizo Galego de Saúde 21.105 resonancias magnéticas a un total de 18.064 pacientes.

Estas unidades permiten aproveitar as vantaxes que ofrece a tecnoloxía actual, ao adquirir imaxes de RM sen desprazar aos pacientes (telerradioloxía), imaxes que son analizadas a distancia por radiólogos expertos con acceso á historia clínica dos usuarios. Este sistema, mellora os tempos e a calidade dos informes, evita a repetición de probas, ao estar accesibles para consulta polos clínicos no seu propio centro de traballo, e posibilita a colaboración e formación en rede dos radiólogos implicados.

 

Artigos relacionados

Back to top button