En portadaÚltima hora

Adelaida Arias, unha das primeiras mulleres de España en obter a titulación de “docente de autoescola”

A valdeorresa recollerá este venres 15 de decembro ás 16:30h. no Pazo do Castro o I Premio Compromiso Amicar

Adelaida Arias Fernández.

 

Despois de toda unha vida traballando, Adelaida Arias Fernández ten a tranquilidade de volver a ollada atrás e ver que “a ninguén lle fixen dano, portándome sempre como me gustaría que se portaran comigo”, di, especialmente cos miles de alumnos que pasaron pola súa autoescola, no Barco de Valdeorras, e sacaron o carné de conducir grazas ás súas clases, paciencia e traballo.

“Como en toda profesión hai que ter vocación e empatía e o alumno sempre mereceu o meu respecto e fixen que os que viñan onda min confiaran nas súas posibilidades”, asegura esta muller, orixinaria da comarca de Valdeorras e unha das primeiras de España en conseguir a titulación de “docente de autoescola” que o vindeiro venres 15 de decembro recollerá ás 16:30 horas no Pazo do Castro o I Premio Compromiso Amicar, un galardón anual que nace co propósito de “resaltar o valor daquelas persoas e institucións que, vinculadas á educación viaria, destacan polo seu ámbito humano” e ao mesmo tempo “dar voz e defender as peculiaridades das zonas menos poboadas”.

Adelaida lograba a titulación no ano 1971, un momento no que o feito de ser muller xa era un hándicap para moitas cousas, entre elas ter acceso á formación, pero o seu tesón xunto ao empeño e a paixón pola docencia, fixeron que lograra o seu obxectivo, superando todas as trabas, que non foron poucas, entre elas o illamento xeográfico.

 

 

Era moi boa estudante ata o punto de que tal como ela mesma conta, sacou dúas carreiras a un tempo. Cando terminou o Bacharelato fixo por libre Graduado Social, pero sempre tivo claro que o seu era a docencia e ao mesmo tempo quixo facer Maxisterio, “algo que a xente facía en Ourense cursando os tres anos e despois a Reválida pero eu non, examinábame por libre e como me convalidaban asignaturas realmente só tiven que estudar Pedagoxía, Psicoloxía e ximnasia”, conta, lembrando que ao facer a tesina de Graduado Social coindidiu cunha muller que estaba dando clases nun colexio privado en Vigo. “Fixérase xestor polo que quería deixar o ensino para o seguinte curso e como eu tiña a preparación unha vez que a deran de baixa a ela, se a directora estaba interesada eu podía ocupar o seu posto. Por sorte así foi e eu vin o ceo aberto cando aos meus 22 anos marchei para Vigo, compaxinando o colexio con clases particulares”.

Comezaba así a primeira etapa de Adelaida como docente, ata que se casou e volvía para o pobo. “De recén casada vivín en Trives onde tiñamos unha xestoría que levaba o meu home e eu daba clases particulares preparando aos nenos para ir examinarse ao instituto a Monforte ou Ourense”, di. Despois xa se foron para O Barco abrindo a xestoría e a autoescola Rodicio na que daba clases o seu home “porque antes podías montala sen ter titulación, sabendo conducir e tendo condutores que ensinaran, e así empezou. Despois, ao saír a disposición de que tiñan que ter título de monitor, déronlle a opción a todos os que xa figuraban como tales, a que fixeran un curso de reciclaxe un mes en Madrid, (daquela examinaban os de Industria non Tráfico) e convalidáronlles o título, pero os que non figurábamos na relación que cada escola dera de persoal, aínda que estiveramos dando clase, quedamos sen nada así que por libre eu prepareime”.

 

 

Adelaida daba clase teórica no Barco e o exame eliminatorio facíao en León, o de conducción en Ourense e por último tiña que ir a Madrid, onde se xuntaron 5.000 persoas de toda España, a gran maioría homes. “O día que me examinei eu contábanse cos dedos dunha man as mulleres que había naquel salón e de todos pasamos 250 entre os que estaba eu co número 13 desa primeira promoción”. Un feito que saía pulicado no boletin Pons que era o que daba o material para as autoescolas, entre outras cosas. “Da provincia pasamos mulleres contadas e dos arredores só eu”, di Adelaida, recoñecendo que no momento de facer o exame sentiuse discriminada. “Faltoume nada para levantarme e marchar, foi horrible”.

Conta que o exame xa dependía de Tráfico e xuntáronos nunha aula enorme.” Eu estaba na primeira fila polo apelido e sabía que pronto me ía tocar. Só me quedaba ese exame entre tanto home e había dous pasos ata o estrado e dos que estaban ao meu lado escoitei que dicían un ao outro [-imos tomar un café. -Agora esperas porque vai saír esta muller a ver que tema lle sae e verás como nos rimos porque imos escoitar moitas tonterías] e vai e tócame mecánica que era o que eu non quería e faltoume nada para volver ao sitio porque foi a maior discriminación que sentín, e iso que foron moitos anos de traballo e a xente que me coñecía da xestoría sabía a preparación que eu tiña de ecíame que me ía tocar con xente que apenas sabía ler, pero ese momento foi moi duro. Escoitar iso foi un lastre porque non me saía a voz para explicar que era a transmisión, pero cousas da casualidade, o coche que había alí era exacto ao da autoescola co cal empecei e seguin coas distintas partes porque coñecía o tema e aprobei. Fun das primeiras e despois xa se foron incorporando máis mulleres”.

 

 

Xa coa titulación na man, foron miles os alumnos que pasaron polas mans de Adelaida, ata catro xeracións. Empezaron pouco a pouco no piso da señora Lola que era onde tiña a vivenda e cada vez ía pasando máis xente de diferentes partes, destacando aos obreiros que traballaban nese momento na Central de Sobradelo e pobos da contorna, con varios turnos ao longo do día. “Daquela a estrada estaba moi mal e iamos buscalos e volviamos a levalos pola noite. Foi moito traballo pero meu agradecemento para esta comarca é enorme e penso que a xente tamén me quería a min porque moitos nin sabían cousas elementales que eu intentaba que entenderan. Antes non era tan complicado pero cando chegaron os test para a xente que non tivera un mínimo de coñecemento, era difícil”, recoñece, lembrando que á parte da formación, na xestoría tamén resolvía moitos problemas. “Facía moitas horas e tiña que ser moi ordenada para compaxinar o traballo coa familia e sempre intentei facilitarlle as cousas á xente. Aconsellaba e nunca faltou pola miña parte o ánimo e convicción de que os problemas se ían solventar aínda que non sempre fora así”.

Hoxe, afastada do negocio dende hai anos, vei con orgullo que os sobriños manteñen o seu legado, con outro sistema adaptado aos tempos, pero mantendo a esencia coa que nacía e creando este premio co que recoñecen o labor de persoas como ela.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button