CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Alumnado do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, nunha xuntanza en Silleda para loitar contra o cambio climático

 

Un cento de estudantes de Secundaria de toda Galicia participaban este mércores 19 de abril nunha xornada intercentros na que reflexionaron sobre o impacto do cambio climático no mundo e chamaron á responsabilidade de adolescentes que, coma eles e elas, teñen nas súas mans a capacidade de mudalo.

O alumnado, estudante de ESO de Viana do Bolo, Boiro, Brión, Bueu e Silleda, coñeceuse no Auditorio Bandeira (Silleda) nun hackaton organizado dentro do proxecto EPDLAB, e que se pode resumir, segundo Ovidio Villar, profesor do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, “coa pregunta dunha alumna cando lle dixen que viñamos un día: ‘pero, non eran dous?’”.  O IES Carlos Casares participa por oitavo ano consecutivo no evento, estando presente en todas as convocatorias anteriores. Neste 2023, acodía todo o alumnado de 2º de ESO, curso no que se centrou esta intervención pedagóxica.

A conciencia medioambiental está moi presente na mocidade, mais segue a ser un tema complexo de traballar nas aulas dende o enfoque máis convencional. A través destas actividades, apunta Ares Giménez, profesor de bioloxía do IES de Brión, “eles non o interpretan como se o ensinamos dende o ámbito académico, non é un profesor dando ‘a chapa’, é moi diferente”. O profesorado destaca a grande aprendizaxe intercentros e a necesidade de xerar espazos nos que recoñecer o traballo, tecer redes, aprender outras metodoloxías e sumar esforzos no camiño da educación para o desenvolvemento. “Os profes a veces sentimos reticencias no uso da tecnoloxía e hoxe véndoos facendo os vídeos, disfrutando e compartindo; e eu como adulta aprendendo desta historia, sinto que tanto a temática, coma a canle e a linguaxe audiovisual para potenciala é estupenda”, engade Andrea Herrero, directora do IES Praia Barraña.

 

Un momento da xornada.

 

A rapazada reflexiona sobre a temática neste encontro a través da realización de microvídeos de sensibilización dirixidos ás e aos adolescentes, mais tamén ás persoas adultas, chamando á responsabilidade de todas as persoas nesta loita global. “Dentro de 10 ou 15 anos, se seguimos así, o noso mundo acabará sendo case inhabitable” comeza reivindicando unha das pezas realizadas polo alumnado, que conclúe dando consellos sobre como tomar acción cara un futuro máis sostible.

Profesorado e alumnado destes cinco centros galegos participan durante todo o curso no EPDLAB, un proxecto de innovación educativa que desenvolve a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) dende o 2015 co financiamento de Cooperación Galega. O programa traballa temáticas como migracións, consumo responsable, a veracidade das mensaxes, a cooperación internacional, o voluntariado e o activismo a través de ferramentas de comunicación dixital como os memes, os gifs, o stop-motion, os microvídeos dende o móbil ou a contrapublicidade.

Artigos relacionados

Back to top button