Non estaban todos pero si unha boa parte dos máis representativos da provincia de Ourense. As máscaras de oito Entroidos tradicionais visitaban na mañá deste martes 5 de decembro o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras: a Mázcara de Manzaneda, o Boteiro de Viana do Bolo, o Vellarrón de Riós, os Fargalleiros da Rúa Vella, o Boteiro de Vilariño de Conso, a Bonita de Sande (Cartelle), a Mázcara de Buxán (O Bolo) e o Touro e o Xigante de Celavente (O Bolo).
Organizado polo departamento de Dinamización Lingüística do instituto (coordinado por Sandra Varela) e presentado por un dos mestres, Aurentino Alonso, o acto enmárcase nun proxecto no que están traballando durante este curso, para dar a coñecer entre o alumnado os distintos exemplos e tradicións de máscaras de Entroido da provincia. “Este ano quixemos facer algo especial polo Entroido e con este acto adiantámonos máis dun mes”, dixo Alonso, antes de dar pasao á proxección dun vídeo sobre a ViBoMask que se celebra en Viana e Vilariño de Conso.
O acto celebrábase no Salón de Actos cun primeiro pase para o alumnado de 2º de ESO A e B e 3º de ESO A e B e consistía na presentación e exhibición de cada unha das máscaras e do Entroido que representa, explicando dende a indumentaria ou o ciclo festivo de cada zona, ata o sentimento de vestir cada traxe. “O Boteiro non se disfraza, vístese”, explicaba Jorge Domínguez, coordinador da ViboMask.
Algunha das máscaras como a Mázcara de Manzaneda, a Bonita de Sande ou o Boteiro de Vilariño explicaban elas mesmas o seu Entroido mentres que no caso cas outras as explicacións dábanas os acompañantes.
Antes de dar paso á segunda quenda, 1º de ESO A e B e 1º de Bach. A e B, un alumno de 1º da ESO presentaban a mascara de Boteiro de Vilariño que el mesmo está elaborando para correr neste Entroido.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.