A RúaConcellosÚltima horaVídeos

As mulleres de Valdeorras protagonizan o podcast “CHEAS de VIDA” presentado na Rúa

O lanzamento do primeiro capítulo será o domingo 15 de outubro co gallo do Día Internacional da Muller Rural

 

Tralo encontro coas mulleres de Larouco (Freixido, Seadur) que participan nos obradoiros, na noite deste venres 13 de outubro chegaba o gran día. No Centro Cultural Avenida da Rúa e diante dun numeroso público (a maioría mulleres pero tamén algún home), a cooperativa valdeorresa InCrecendo Colectivo estreaba por todo o alto o podcast de Matria “CHEAS de VIDA”.

Un emotivo acto conducido por Laura Fernández, alma mater do proxecto e co-fundadora xunto coa súa nai Elvira de InCrescendo Colectivo, no que se presentaron clips coas voces das mulleres e se escoitaba un teaser do primeiro episodio que lanzarán o domingo. O acto remataba con todas as mulleres que participaron nos obradoiros (da Rúa, de Roblido, de Larouco, de Petín,…) sobre o escenario, compartindo cos asistentes as súas impresións e algunhas anécdotas, antes de brindar cun viño de Valdeorras.

 

 

“Queremos que este podcast sexa un lugar de encontro, de crecemento e rexeneración para todas aquelas persoas que cremos nun mundo mellor. Nel escoitaremos voces silenciadas durante moito tempo que, coa coraxe e xenerosidade que caracterizou sempre ás mulleres rurais, abrirán o seu corazón e farannos de guía nestes tempos de incertidume e transformación”, explica Laura Fernández.

De feito o seu lanzamento é a síntese dunha filosofía que nai (mestra) e filla (coach) levan practicando xuntas máis de dous anos e que lles permitiu experimentar en primeira persoa a importancia de confiar na intiución, de guiarnos polos valores que nos inculcaron os nosos maiores e ser un referente para as novas xeracións. Esta fórmula aparentemente sinxela bebe das últimas tendencias en emprendemento con impacto social, liderado feminino e, por suposto, as propias leis da natureza que, para Laura, “se nos paramos a escoitalas, fan o traballo por nós”.

 

 

Tal e como esta soñadora incansable recorda, “a través da unión, o esforzo individual redúcese e o impacto multiplícase”. E predican co exemplo. A comezos deste ano, Julia Menéndez Remy incorporouse á cooperativa para axudarlles a dar unha segunda vida non só ás persoas senón tamén aos recursos que a día de hoxe se tiran ao lixo na comarca. Desde telas, escuma de almofadas, ata cadeiras ou papel de decoración, as mulleres que participan nos obradoiros “CHEAS de VIDA” despregan a súa creatividade para dar forma a un futuro no que as nais crecen a calquera idade e os fillos/as non teñen que conformarse coa emigración.

 

 

“Paréceme unha experiencia moi bonita, que nos poidan oír desde distintos sitios. Alemania, París, Madrid… se nós podemos aportarlles algo, igual tamén se van animar e aportarnos algo a nós”, comenta Amparo unha das participantes dos obradoiros no concello de Larouco onde se “confeccionou” esta iniciativa. “Aquí non estou soa”, comenta Mª Luz, outra das participantes no concello da Rúa.

Efectivamente, o principal obxectivo do podcast é falar cunha soa voz, a do corazón, e acompañar a todas esas persoas que se senten soas, tanto no mundo rural coma urbano, e, desde aí, comezar a rexenerar as familias, as escolas e as empresas.

 

 

O lanzamento do primeiro episodio do podcast “CHEAS de VIDA” co que pretende mandar unha mensaxe de esperanza ao mundo a través da voz das mulleres do Camiño de Inverno será o domingo 15 de outubro co gallo da celebración do Día Internacional da Muller Rural.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Máis información no seguinte enlace: https://osil.info/a-cooperativa-valdeorresa-increscendo-colectivo-estrea-na-rua-o-podcast-cheas-de-vida/

Artigos relacionados

Back to top button