
Malia que inicialmente estaban previstas ata o 15 de agosto, ante a exitosa acollida e a gran demanda, as visitas guiadas no Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón, Lugo) vanse ampliar ata o 31 de agosto.
“Aínda que a escavación chega á súa fin e só quedan traballos puntuais de campo, os resultados arqueolóxicos están á vista e dentro das visitas incorpóranse as hipóteses máis recentes respecto a este castro mineiro romano que foi reocupado en época medieval para constituír un importante centro relixioso”, segundo se informa dende o Proxecto Castro de San Lourenzo.
De martes a venres, as visitas saen ás 19h. do punto de encontro ao carón do cartel ao pé deste castro mineiro. Fan un percorrido guiado de aproximadamente 45 minutos polo xacemento. As explicacións inclúen a historia detectada ata o momento no xacemento, da época romana e medieval, así como as relacións actuais entre a parroquia e o castro. Ademais, aprovéitanse as vistas panorámicas do lugar para falar da paisaxe circundante.
En sábados e domingos ofrécese ás 11h. e ás 19h. un formato máis completo cun pequeno paseo ata o castro. Todas as visitas son gratuítas e inclúen ao final unha mostra das pezas atopadas ata o momento, como moedas, obxectos persoais e outras pezas de cerámica e metal.
Nesta campaña arqueolóxica no castro, que comezaba o 1 de xullo, descubríanse tres tumbas medievais. Están feitas directamente no substrato rochoso a xeito de foxas e delimitadas na súa contorna por unhas pedras fincadas. Teñen orientadas leste-oeste, como é habitual no cristianismo.
As persoas interesadas en visitar este xacemento lucense poderán facer a súa reserva ou ampliar información a través da páxina de facebook do proxecto, https://www.facebook.com/sanlourenzonet/.
A intervención no Castro de San Lourenzo, promovida pola Asociación de Veciños María Castaña, é un proxecto de arqueoloxía en comunidade que busca a dinamización da parroquia da Cereixa, na que se asenta, e do seu entorno.
Máis información:
www.sanlourenzo.net