Polas rutas xacobeas, feitas ritmo, voz e música e cheas de mensaxes motivadores; transitaba da man de Cholo e Nela o alumnado de Infantil dos colexios Julio Gurriarán, Condesa de Fenosa e Otero Pedrayo do Barco, Pablo VI-Fátima da Rúa, Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives e o CEIP de Manzaneda. O Teatro Lauro Olmo do Barco acollía no mediodía deste 14 de marzo nun acto moi especial, divertido e animado a presentación do novo disco de Cholo e Nela, personaxes protagonistas das Convivencias de Educacion Infantil. O seu título é “Camiños de ida e volta”, e con el alúdese á temática deste encontro educativo que se retomará neste curso tras tres anos de obrigado parón por mor do Covid.
Sobre o escenario, Nacho Hermida González, Carlos Rodríguez Calvente e Miguel Ángel Vázquez Bujeiro presentaban algúns dos temas deste disco (comezando por “Bo Camiño”, que interpretaban en directo para a cativada, que os seguía bailando e tamén cantando. Os tres cantan e tocan diversos instrumentos nun traballo musical no que tamén participan Andrés (Cunha e Segundo Grandío).
O disco inclúe seis cancións, cada una delas vinculada cun tema educativo e cultural do que se parte a través do Camiño de Santiago: “Ai , ho! Galego” (lingua), “Camiño das Estrelas” (universo), “Cunchas” (diversidade e solidariedade), “Contos no Camiño” (tradición oral e escrita), “Bo Camiño” (habilidades sociais) e “Camiño Per-corrido” (ledicia).
A medida que se interpretaban os temas, Carlos R. Calvente explicáballe aos escolares o sentido das letras e das cancións. E, entre tema e tema, Cholo e Nela recibían un agasallo moi especial dunha nena, Zoe, que se subía ao escenario para entregarllo en man.
A presentación contaba coa presenza de autoridades educativas, como diversos membros da organización e produción do disco, da Concellería de Cultura do Barco e Equipos de Dinamización da Lingua Galega da Xunta (Sección Ourense), así como coa asistencia da concelleira de Cultura do Barco.
Ademais, durante o acto a organización da XXIII Convivencia de Educación Infantil anunciaba que nesta edición, prevista para o 30 de maio no CEIP Julio Gurriarán do Barco, “onde empezou todo”, abrirase a primeiro ciclo de primaria, dado que non puideron participar nas convivencias anteriores, xa que non se celebraron. “Para nós é unha fonda ledicia”.
Fotos: A.R.