OurenseÚltima hora

Bota a andar o proxecto “Aldearmos”, con paradas na Veiga e no Courel, entre outras localidades

Panorámica da Veiga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O proxecto “Aldearmos” é un ambicioso programa de democratización cultural do/no rural que se presentaba esta mañá no Campus de Ourense. Esta iniciativa, posta en marcha por unha vintena de concellos do rural das provincias de Ourense e Lugo que participan na Rede Aldear e á que se une o apoio tanto do campus de Ourense como de Agadic (Xunta de Galicia). Artéllase arredor de catro eixes, o primeiro dos cales −Aldear Itinerancias− arranca coa cita deste domingo en Vilar de Santos. Desenvolverase neste caso unha ducia de eventos ata marzo para amosar prácticas e espectáculos de vangarda, creados para as zonas menos poboadas e para fomentar o intercambio entre os socios da rede.

O programa do día 23 despregarase tanto na Arca da Noe, cos concertos de Pan sen Fron (13,30 h.) e David Regueiro (18,30 h.), os contos de Anxo Moure (16,00 h.) e o espectáculo de música e danza Camiños que volven (20,00h.) a cargo de Mounqup e Nuria Sotelo, como no Museo da Limia, que acollerá o Coro da Universidade do Campus de Ourense (11,30 h.), a montaxe Pepa Loba polo Teatro de Coles (17,00 h.), a presentación da Rede Aldear (13,00 h.) e o primeiro relatorio de Aldear Campus Auga: Cara a unha agricultura máis sustentable: Alternativas aos produtos de síntese química, por David Fernández Calviño.

Este último é outro dos eixes de Aldearmos, articulado como intervencións científicas en contextos non académicos a través do que unha decena de investigadores de primeira liña do campus ourensán presentarán os resultados dos seus estudos nas comarcas do interior, buscando unha interlocución co público amena e didáctica.

O proxecto complétase con outras dúas liñas de traballo: Aldear na escola, arredor 18 xornadas socioeducativas en centros escolares do rural, e Aldear acompaña, que funcionará como unha oficina móbil para a promoción económica centrada na economía social, da man de especialistas como Uxío Novo ou Óscar Penín.

 

Foto: Duvi.

 

Aldearmos foi presentado por Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Jacobo Sutil, director de Agadic (Xunta de Galicia); Óscar Penín, secretario da Rede Aldear e investigador do campus de Ourense, e Noemí Vázquez (socia da rede e xerente do espazo A Arca da Noe). Na súa intervención, Elena Rivo destacou que esta colaboración xorde no marco do interese do campus de abrir as súas actividades alén da cidade e achegarse ao rural dun xeito “agradable e entretido” e contribuír a dinamizar estes espazos a través de proxectos innovadores como o lanzado este mércores. A vicerreitora lembrou o compromiso da institución académica co fomento da transferencia e a divulgación coa contorna e contribuír ao seu desenvolvemento. “Podemos achegar moito ao rural”, afirmou Elena Rivo.

Aldearmos conta co financiamento da AGADIC, a través das súas axudas Territorio Cultura, e do campus de Ourense-Universidade de Vigo a traverso do seu cofinanciamento e reforzo por medio das actividades da súa área de cultura creando unha programación de altísimo interese. Queremos convidarvos á presentación do programa.

Citas tamén na Veiga, O Courel e Nogueira de Ramuín

O primeiro dos evento de Aldearmos terá lugar este domingo 23 de outubro en Vilar de Santos (Ourense) e nel confluirán varias das liñas de traballo descritas para crear unha programación de “impacto, tanto no local como na visibilización do que se está a facer nos espazos máis illados”.

A programación, explicou Noemí Vázquez, enmárcase na novena edición do mercado de produto local e de artesanía da localidade. Ademais haberá numersos postos de artesanía e produto local. Tras Vilar de Santos, Aldearmos continuará en A Veiga, O Courel e Nogueira de Ramuín.

Artigos relacionados

Back to top button