OurenseÚltima hora

Bruxelas revisará a protección do lobo en Europa

 

“O regreso do lobo ás rexións da Unión Europea nas que estivo ausente durante moito tempo está a provocar cada vez máis conflitos coas comunidades agrícolas e de cazadores locais, especialmente cando as medidas para previr ataques ao gando non se aplican de forma xeneralizada”, aseguran dende a Comisión Europa, que vén de anunciar que se vai proceder a revisar o estado de protección desta especie en Europa.

“A concentración de lobos nalgunhas rexións europeas converteuse nun perigo real para o gando e, potencialmente, tamén para os seres humanos. Insto as autoridades locais e nacionais a que tomen medidas cando sexa necesario. De feito, a lexislación vixente da UE xa lles permite facelo”, en palabras da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.

Neste senso, a Comisión poñía en marcha o 4 de setembro unha nova fase para abordar os retos relacionados co retorno dos lobos e convida ás “comunidades locais, aos científicos e a todas as partes interesadas a que presenten, como moi tarde o 22 de setembro de 2023, datos actualizados sobre a poboación de lobos e os seus efectos. Para iso, poderán utilizar a seguinte dirección de correo electrónico: EC-WOLF-DATA-Collection@ec.europa.eu“.

A partir dos datos recolleitos, a Comisión decidirá sobre unha proposta para modificar, no seu caso, o estatuto de protección do lobo na UE e “actualizar o marco xurídico a fin de introducir, en caso necesario, unha maior flexibilidade, á luz da evolución desta especie. Isto complementará as actuais posibilidades que ofrece a lexislación da UE para que as autoridades locais e nacionais tomen medidas cando sexa necesario”. Tamén está previsto un financiamento significativo da UE para estas medidas, tal como se detalla nunha carta conxunta enviada polo comisario Sinkevičius e o comisario Wojciechowski a todos os ministros de Agricultura e Medio Ambiente da UE en novembro de 2021.

“Algunhas medidas demostraron ser eficaces para previr ou reducir significativamente os riscos de depredación cando se executan correctamente e adáptanse ao contexto específico no que se aplican.
A revisión por parte da Comisión dos datos científicos sobre o lobo na UE forma parte integrante da análise en profundidade que a Comisión está a levar a cabo en resposta á Resolución do Parlamento Europeo do 24 de novembro de 2022”, explica a Comisión.

En abril de 2023, a Comisión comezaba a recompilar os datos dos grupos de expertos e das principais partes interesadas, así como os datos notificados polas autoridades nacionais conforme a lexislación da UE e internacional vixentes. “Con todo, estes datos seguen sen ofrecer unha imaxe completa suficiente para que a Comisión deseñe novas medidas”, polo que a Comisión está a ampliar a consulta.

Antecedentes

A Comisión Europa é consciente de que “o regreso do lobo ás rexións da UE nas que estivo ausente durante moito tempo pode dar lugar a conflitos coas comunidades agrícolas e de cazadores locais, especialmente cando as medidas para evitar ataques ao gando non se aplican de maneira xeneralizada”.

Como especie autóctona, proseguen dende este organismo europeo, o “lobo é un elemento integral do patrimonio natural de Europa e desempeña un papel importante nos seus ecosistemas. En virtude da Directiva sobre os hábitats, a maioría das poboacións de lobos en Europa goza dunha protección estrita, con posibilidades de excepción. Este réxime aplica os requisitos do Convenio internacional de Berna relativo á conservación da vida silvestre e do medio natural en Europa, do que son parte a UE e os Estados membros. As plataformas rexionais e da UE sobre coexistencia permiten ás partes interesadas promover formas de minimizar os conflitos entre os intereses humanos e a presenza de grandes carnívoros, intercambiando coñecementos e colaborando entre si de maneira aberta, construtiva e respectuosa. Ademais, en virtude da Directiva sobre os hábitats, os Estados membros poden, en determinadas condicións, establecer excepcións ás prohibicións do réxime de protección rigorosa, tamén co fin de protexer os intereses socioeconómicos”.

Artigos relacionados

Back to top button