En portadaÚltima hora

Chega a Ourense a alta velocidade ferroviaria

O tren inaugural do tramo Pedralba da Pradería-Ourense recalaba na cidade das Burgas ás 12:30h. Na estación ourensá tiña lugar un acto institucional

 

Día histórico para a provincia de Ourense e para Galicia. Era a frase que repetían as diferentes autoridades que participaban no acto institucional celebrabado a partir das 12:30h. na estación de Ourense con motivo da chegada do tren inaugural do tramo Pedralba da Pradería-Ourense, cuns 110 km. Isto supón a posta en servizo da liña de alta velocidade Madrid-Galicia e, polo tanto, o inicio o 21 de decembro das circulacións comerciais e dunha nova oferta de servizos de Ave e Alvia que mellorarán a a conexión con Madrid da provincia e do resto da comunidade galega. Así, Ourense pasa a ser o centro clave da distribución da Alta Velocidade Galega, quedando conectado con Madrid en 2 horas e 15 minutos.

 

 

Tras a proxección dun vídeo que no os técnicos que participaban neste proxecto detallaban a complexidade do mesmo e o reto que supuxo, interviña a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, que dedicaba as súas primeiras palabras “a todos os que traballaron nesta liña, aos fixeron os 31 túneles e os 32 viadutos deste tramo, e aos que co seu esforzo culminaron esta liña que supuxo un labor titánico, deron moitas dun verdadeiro heroísmo. Son eles os que conseguiron que hoxe poidamos empezar a coñecernos un pouco mellor, ademais de saldar unha débeda histórica con esta terra e de acabar con unha vella inxustiza”.

A ministra de Mobilidade tamén resaltaba a importancia e os efectos que terá para Galicia esta liña, que “crea riqueza e xera múltiples posibilidades de desenvolvemento persoal e colectivo, xera a igualdade de todos os cidadáns”, incidindo así mesmo en que esta iniciativa “é clave na transición do noso país cara un modelo de desenvolvemento sostible e respetuoso co medio ambiente”.

A continuación tomaba a palabra o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que resaltaba que “Galicia vive hoxe un momento histórico, un día grande, ao cruzar o Ave á parte galega, coa estación da Gudiña, e adentrarse na provincia de Ourense ata a cidade alcanzamos unha meta longamente esperada” e cualificando a chegada da alta velocidade como “un éxito colectivo”. Enmárcaba ademais este feito na celebración neste 2021 do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia e na do Xacobeo 2021/2022.

 

 

Feijóo lembraba que o camiño deste Ave “ten sido longo, e fixérono posible os enxeñeiros, os traballadores púbicos, as empresas cunha orografía estremadamente complicada”, recoñecendo tamén o “meritorio labor dos representantes públicos”. A alta velocidade, engadía, “supón e un antes e un despois para Galicia, supón poder competir en termos de igualdade e equidade co Mediterráneo, co sur, co resto de España” e aseguraba que “podemos ser un dos lugares con máis confluencia de pasaxeiros de Ave, se se lle dá oportunidade, a xente quere vir a Galicia”.

Este acto institucional, que contaba coa presenza de multitude de autoridades, entre elas o Rei Don Felipe, pechábase coa intervención do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, quen falaba “dunha ocasión histórica, coa que se culmina un longo proceso que se iniciaba no 2007 coa posta en servizo do túnel de Guadarrama” e facía mención tamén “aos que fixeron posible este proxecto”, recoñecendo que o “percorrido non ten sido doado”, se ben “o esforzo ten pagado a pena”.

 

 

Sánchez indicaba que o “Ave a Galicia era unha absoluta prioridade” e que deste xeito Ourense “vaise converter nun centro clave de distribución da alta velocidade. Recortarase o tempo de viaxe entre Madrid e o resto de cidades galegas e haberá un aumento moi significativo no número de servizos”. En definitiva, significará un impulso “da conectividade de Galicia co resto da península” e unha “formidable fiestra de posibilidades” para esta comunidade.

Fotos: Carlos G. Hervella e cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button