SanidadeÚltima hora

Comeza a escavación dos cimentos do novo edificio de Urxencias do Hospital de Verín

De planta baixa e cunha superficie de 1.488 metros cadrados acollerá o Punto de Atención Continuada (PAC) de Primaria e o Servizo de Urxencias

 

Esta mañá veñen de iniciarse os traballos de escavación para a cimentación do novo edificio de Urxencias do Hospital de Verín ao que se trasladarán o Servizo de Urxencias e o Punto de Atención Continuada de Atención Primaria deste Distrito Sanitario, ampliando a súa vez o espazo dispoñible no centro sanitario.

Nas obras, que se desenvolverán en once meses, a Xunta de Galicia invirte 3.9 millóns de euros e incluen outras actuacións de mellora, como a instalación de paneis solares na cuberta, que será renovada mellorando o illamento, na procura dunha mellor optimización enerxética, na liña de sustentabilidade e coxeneración con fontes alternativas ao combustible fósil.

Os traballos previstos para estes días, pola empresa adxudicataria, Elecnor Servizos e Proxectos SAU, son a escavación sobre as liñas das cepas que marcan o solar, facendo acopio de terras no espazo anexo, en tanto non rematen o muro, xa que se usaran para recheo dos cimentos.

Accesible e práctico

De planta baixa e cunha superficie de 1.488 metros cadrados, o novo edificio mellorará a funcionalidade das urxencias da poboación da bisbarra: O Punto de Atención Continuada (PAC) atendido polo persoal de Atención Primaria, e o Servizo de Urxencias atendido polos profesionais do hospital comarcal.

Ambos dispositivos están centralizados desde hai uns anos no Hospital Público de Verín, en dúas áreas axuntas, pero o novo edificio proxectado especificamente para acollelos permitirá mellorar a súa funcionalidade e coordinación, cunha distribución á medida da súa actividade, que permitirá xerar distintos circuítos para a atención dos pacientes. Ademais o seu deseño inclúe, por vez primeira nun area de urxencias, un doble circuito para a atención aos pacientes con sospeita de infección respiratoria.

“Unha das principais vantaxes desta ampliación, mediante a construción dun novo edificio axunto, é que non será preciso trasladar provisionalmente ningún servizo, ou acometer obras de adaptación, habituais nas reformas hospitalarias, xa que só se procederá ao traslado unha vez rematado.
Outra das vantaxes é que o novo edificio de Urxencias disporá dun acceso exclusivo, a nivel de planta baixa, cunha área de acceso de vehículos, para recoller ou achegar pacientes, e estacionamento propio”, tal e como se informa dende a área sanitaria ourensá.

Distribución funcional

Na entrada situarase a Admisión e o Triaxe, para facilitar a atención do paciente no PAC ou Urxencias. O PAC, terá dúas consultas médicas e unha de enfermería, comunicadas e próximas ao acceso, e unha consulta de atención a sospeitas de infección respiratoria, con sala de espera con aseo exclusivos.
Pola súa parte o Servizo de Urxencias contará con dúas consultas polivalentes, unha sala de curas e seis boxes. Deles, un de maiores dimensións para a atención a pacientes críticos e outro, con aseo e espazo previo, para facilitar o illamento de pacientes con sospeita de infección.

O novo edificio hospitalario contará tamén cunha sala de observación 24 horas, sala de traballo médico, sala de reunións, farmacia, sala de pre-alta, despacho de información a familiares, dormitorios de persoal e outros espazos de apoio. Asemade, a área de persoal estará separada da zona de atención a pacientes, cun acceso rápido aos puntos de atención.

Artigos relacionados

Back to top button