EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima hora

Concentración e tractorada na Gudiña o martes 20 de febreiro

Os gandeiros e agricultores do oriente ourensán demandan prezos xustos e unha menor burocracia, entre outras cuestións

 

Pechar a “porta de Galicia” cunha tractorada. Ese é o obxectivo da concentración e tractorada coa que os gandeiros, agricultores e apicultores da parte oriental da provincia de Ourense levarán mañá á rúa as súas reivindicacións de prezos xustos para a súa produción e unha menor burocracia que se lles permita desenvolver o seu labor.

Esta acción reivindicativa está prevista para o martes 20 de febreiro. O punto de encontro dos tractores será o cruce da estrada OU-533 (A Rúa-A Gudiña) coa N-525. É unha tractorada “en defensa do noso sistema de vida., para pedir menos burocracia, menos papeis, as axudas da PAC (Política Agraria Común) deben chegar íntegras para os que traballaos e mantemos o campo e os prezos dos nosos productos deben ser xustos”, manifestan dende Unións Agrarias, organización convocante nesta tractorada en concreto.

Esta non é a primeira vez que nesta zona ourensá ten lugar unha tractorada. En maio do 2017, ante as graves consecuencias da seca e da xeada, que “afectaron drásticamente á comarca de Viana do Bolo, A Mezquita, A Gudiña e O Riós… aos gandeiros e apicultores non nos quedou outra que saír á rúa cos nosos tractores nunha tractorada que fixo historia. Sete ano anos despois non nos queda outra alternativa que volver coller os nosos tractores e saír á rúa”, indican os produtores.

 

 

Un total de 10 tractoradas en Galicia ese mesmo día

Ademais de na Gudiña, o sector agrogandeiro galego sacará os tractores á rúa noutras nove localidades, nestes casos convocadas de forma conxunto por Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia.. Espérase que estas mobilizacións conxuntas que “supoñan o punto de partida tras o que as distintas administracións comecen a mover ficha e a impulsar as modificacións normativas que o sector produtor galego demanda e precisa. De non ser así, xa adiantan que retomarán as medidas de presión en forma de novas accións reivindicativas”.

Sensibilizar á opinión pública e facer partícipes ás persoas consumidoras dos problemas e da situación que atravesa o sector produtor é un dos obxectivos que se perseguen con estas accións. Pero tamén, e sobre todo, instar ás tres administracións con competencias e responsabilidades a actuar e a adoptar os cambios e medidas que o sector produtor demanda. Así, as tres organizacións convocantes fan un chamamento á participación para dar forma a unha fronte común ampla e unida entorno á defensa dos interesese comúns do sector produtor galego.

Artigos relacionados

Back to top button