CulturaCulturaEconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Directores convidados pola organización do FIC Vía XIV a Verín coñecen a D.O. Monterrei

A visita finalizou cunha cata comentada nas instalacións da D.O. Monterrei, en Verín, na que os asistentes puideron degustar algunhas das referencias vinícolas máis salientables desta zona vitivinícola

 

Un grupo de convidados pola organización do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV a Verín para participar nas diferentes actividades que se promoven ao abeiro do certame, entre os que se atopaban algúns directores de curtas que se presentan oficialmente a concurso este ano, participaron esta mañá nunha visita organizada a algúns puntos claves do territorio amparado baixo o selo de calidade da D.O. Monterrei.

Nunha visita guiada por Natalia González, membro do equipo técnico do Consello Regulador da D.O. Monterrei, o grupo puido coñecer diferentes puntos emblemáticos ligados coa historia do patrimonio enolóxico na comarca e emprazados, en concreto, no Concello de Oímbra (un dos que integran o territorio amparado de Monterrei).

Así, a comitiva tivo ocasión de desfrutar de diferentes paisaxes da zona, coñecer in situ os viñedos pertencentes a algunhas das adegas máis representativas deste concello e deterse, particularmente, no Lagar Adega As Barrocas e no Lagar Xan Preto. Precisamente, os lagares de Oímbra destacan por ser algunhas das estruturas máis antigas de cantas se conservan en Galicia ligadas á elaboración de viño.

Entre outros, participaron na visita os directores David Fidalgo, autor da curta Sandwich Cat, e Jordi Huguets, responsable da peza Columnes D´aire. O director do FIC Vía XIV e a concelleira de Cultura de Verín acompañaron tamén ao grupo durante o percorrido que finalizou, xa en Verín, cunha cata comentada nas instalacións do Consello Regulador na que os asistentes puideron degustar algúns dos brancos e tintos máis representativos da comarca.

Marca Verín

“Sempre dicimos que o noso festival, amais de achegar á cinematografía e os seus valores aos habitantes da comarca, pretende tamén erixirse como un escaparate promocional que difunda a marca Verín máis aló das nosas fronteiras. E é indiscutible que a nosa cultura vai moi ligada ao eido vitivinícola. Por iso, agradecemos á D.O. Monterrei e, en particular, ao seu presidente Jonatás Gago, a súa implicación no desenvolvemento desta iniciativa”, apunta Carlos Montero, director do FIC Vía XIV.

Fotos: FIC Verín.

Artigos relacionados

Back to top button