En portadaÚltima horaVídeos

Emotiva homenaxe en Petín ás mulleres deste concello valdeorrés

Na tarde deste sábado 5 de marzo proxectábase un documental coas vivencias de 16 veciñas

 

Empresarias, amas de casa, escritoras, políticas, traballadoras dentro e fóra da casa. ‘Os traballos das mulleres, Concello de Petín 1920-2021’ é a homenaxe feita documental e vídeo que na tarde deste sábado 5 de marzo recibían as mulleres deste municipio valdeorrés.

Na peza audiovisual creada por Social Docs (con Domingo Díaz e Rosa Ferreira) e proxectada na Casa da Cultura, aparecen 16 mulleres que contan as súas historias en representación “das mulleres do rural e as súas vivencias ao longo dun século. Un século no que tanto nesta comarca coma no resto do país, se teñen producido moitos cambios e todos os niveis”, aseguran dende a produtora.

 

As protagonistas do documental e do libro, antes das proxección na Casa da Cultura de Petín.

 

Inés Francisca Siso Fernández, Rosa Domínguez Martínez, María Mercedes Maseda Fole, Inés Álvarez Nogueira, María Teresa Docampo Santín, María Teresa Valcarce Quiroga, Mercedes López Puga, Ofir Enríquez Noya, Rosa María Vila Domínguez, Silvia Cuesta González, Raquel María Bautista Carballo, María del Rosario  Álvarez Lorenzo, Cristina Benito Arias, Susana Ontiveros García, Yolanda Domínguez Conde e Flora Alonso Fernández. Son as mulleres cuxas historias, contadas durante horas de gravación, se concentran nos 50 minutos que dura o documental e nas páxinas do libro hoxe presentado.

 

 

O acto, guiado por unha emocionada Raquel Mª Bautista, alcaldesa de Petín e unha das protagonistas, arrancaba coa recepción das mulleres e do resto de asistentes na Casa da Cultura. Unha recepción na que a propia Raquel aseguraba que a palabra que mellor resume este traballo é “emoción”, destacando o punto que as 16 mulleres teñen en común, “que estamos encantadas de ser petinesas e de vivir en Petín, un orgullo que levamos por todas partes”, dixo, sinalando algunhas das frases que aparecen no libro como a de “En Petín vívese coma no ceo” de Inés Siso que aos seus 102 anos non pudo asistir por atoparse algo indisposta, “Petín é un pobo de boa xente” de Mercedes López ou “Non cambio Petín por nada” de Inés Álvarez.

Trala presentación, as protagonistas recibían un exemplar do libro de mans da realizadora do documental Rosa Ferreira e do ex alcalde de Petín Miguel Bautista, antes de proceder á proxección diante das emocionadas protagonistas, dos seus veciños, amigos e familiares.

Este acto enmárcase dentro da programación do Concello de Petín para conmemorar o Día Internacional da Muller que se celebra o 8 de marzo.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button