CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Emotivo recoñecemento do Concello da Rúa a Ramón García “Ragar” e Antolín Rodríguez

O acto tiña lugar no Centro Cultural Avenida no marco da XV Festa do Codillo

 

Coa música da rondalla Trovadores de Ames (A Coruña) comezaba e remataba o acto de recoñecemento da Festa do Codillo da Rúa que na mañá deste sábado 27 de xaneiro homenaxeaba a dúas persoas importantes no ámbito social e económico da vila, Antolín Rodríguez de Musicales Antolín (a título póstumo) e Ramón García “Ragar”.

 

 

Presentado por Jorge Isla e coa presenza de familiares dos homenaxeados, así como unha delegación de Almendralejo co alcalde José María Ramírez á cabeza, os fillos adoptivos Juan Francisco Sánchez e Wayne Brabender, así como veciños, amigos e por suposto a corporación municipal, o acto comezaba coa intervención da alcaldesa da Rúa, María G. Albert que daba a benvida aos asistentes destacando o papel que desempeñaron os homenaxeados, ámbolos dous vencellados ao mundo do audiovisual. “Pouca xente haberá na Rúa que non teña algunha fotografía de Ragar e pouca tamén que non teña asistido a algunha festa contratada por Antolín”,  dixo dando paso á homenaxe a “todo o sector audiovisual de Valdeorras que sen eles non tería sido igual”, engadía o presentador.

 

 

O primeiro en recibir a homenaxe, a título póstumo, era Antolín “o das orquestras”, un “petinés da Rúa ou  un rues de Petín” sendo o tenente de alcaldesa José Vicente Solarat López quen, despois da visualización dun pequeno vídeo, entregaba a placa aos seus fillos que dirixían unhas verbas de agradecemento destacando do seu pai o seu carácter afable, sempre disposto a axudar ás comisións de festas dos pobos máis pequenos. “Musicales Antolín é  unha empresa das aldeas”, destacaba o presentador.

 

Os fillos de Antolín coa placa.

 

O segundo homenaxeado da XV Festa do Codillo era Ramón García, “Ragar”, que pasou máis de 60 anos fotografando a vida dos rueses e da vila en si. Foi o cronista visual da Rúa con máis de 2 millóns de negativos no seu arquivo e miles de horas de traballo no laboratorio, pero tamén o promotor do recoñecemento do Camiño de Inverno como ruta xacobea estando 13 anos á fronte da asociación que el mesmo creo e da que é presidente honorífico. Home de poucas palabras unicamente daba as grazas visiblemente emocionado.

 

Ramón García.

 

Ámbolos dous homenaxeados recibían un biscoito de cava, produto típico de Almendralejo. O mesmo que unhas horas antes entregaba o alcalde José María Ramírez no Concello da Rúa, na recepción oficial que celebraban no Salón de Plenos.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver salvo a primeira da galería que é cedida.

Artigos relacionados

Back to top button