
Na mañá deste luns 20 de novembro, preto de 200 cativos e adolescentes galegos alzaron hoxe a súa voz para reivindicar os dereitos da infancia nun acto organizado pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) en colaboración coa Xunta, con motivo do Día Universal da Infancia que tiña lugar na Cidade da Cultura ao que tamén asistiron a vicepresidenta da POIG, Mónica Viqueira, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Jacobo Rey. O obxectivo non é outro que “darlle voz á infancia e adolescencia para que expresen as súas propostas, facendo uso da participación infantil como dereito fundamental”.
Os rapaces, con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos e pertencentes aos CEIP Carmelitas (Ourense), Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), Alborada (Coruña), Víctor Sáenz (Mazaricos) e Fundación Down Compostela, expuxeron as conclusións das actividades realizadas no proceso participativo que cada ano convoca a Plataforma de Organizacións da Infancia co obxectivo de que as opinións dos nenos e nenas sexan tidas en conta nas políticas públicas e que este 2023 desenvolveuse baixo o paraugas das problemáticas asociadas á pobreza na infancia. Co lema do acto Infancia e pobreza, os participantes agruparon as súas propostas en cinco ámbitos de actuación: bens de primeira necesidade, pobreza e infancia, ocio e cultura, educación e saúde.

Os membros do Consello Galego de Participación Infantil de Adolescentes (CAIA) foron os anfitrións deste evento, que tamén contou coas actuacións de Gallos del Norte, unha plataforma galega de freestyle que busca potenciar os cambios positivos na sociedade a través desta modalidade na que dous rapeiros improvisan sobre unha base instrumental de hip hop.
Este acto atópase no marco das accións postas en marcha pola POIG con motivo do Día Universal da Infancia, no que se conmemora o aniversario da adopción da Declaración Universal dos Dereitos do Neno (1959) e a aprobación da Convención dos Dereitos do Neno (1989). Esta Convención, a máis universal dos tratados internacionais, establece una serie de dereitos para os nenos e nenas, incluídos os relativos á vida, a saúde e a educación, o dereito a xogar, á vida familiar, á protección fronte á violencia e á discriminación, e a que as súas opinión sexan escoitadas.