Dende A Pobra de Trives ata Manzaneda. Na mañá deste martes 5 de marzo unhas 45 persoas percorrían a pé unha parte da comarca trivesa da man de Afundación e os seus Espazos +60 cunha serie de programas tanto presenciais como online, con obxectivos como a aprendizaxe permanente, o benestar físico, a cultural dixital ou o ocio activo.
A este último apartado pertence esta actividade de sendeirismo retomada neste 2024, tras un parón de varios anos. “Antes da pandemia Afundación +60 de Ourense tiña intención de realizar o Camiño de Santiago desde Ourense para o que, a coordinadora nesta cidade María Carmen Bonet, se poñía en contacto cun dos socios que tiña gran experiencia no Camiño polos moitos que fixera, o valdeorrés Agustín Núñez de Vilamartín que nos pide a José Luis Caride e a min, todos ex compañeiros de Caixa Galicia e compañeiros de múltiples Camiños a Santiago, que lle botemos unha man para levar a cabo este proxecto”, explica Moncho Diéguez, de Manzaneda que se vonvertía así nun dos colaboradores voluntarios de Afundación +60.
O propio Moncho conta que esa aventura saíu moi ben polo que se ampliaba ao sendeirismo en xeral ata que chegou a pandemia e todo se paralizou. “Agora vólvennos solicitar retomar este tema e francamente non podiamos negarnos. Así que damos comezo con esta ruta polo Macizo Central, un recuncho de extraordinaria beleza e tan esquecido pola clase política”, explica Moncho.
A ruta, duns 11 quilómetros comezaba ás 10 horas na praza do Reloxo, na Pobra de Trives, en plena Vía Nova co concelleiro de Cultura, José Luis Vidal, dando a saída; e finalizaba en Manzaneda, o pobo de Moncho, sendo recibidos polo seu alcalde, Amable Fernández. E entre medias, desfrutaban dunha espectacular ruta pasando por emblemáticos lugares como a ponte sobre o río Cabalar; visitando (grazas ás facilidades dadas polo párroco D. Carlos) obras arquitectónicas coma o Mosteiro de San Salvador en Sobrado (un dos exemplos máis significativos do románico galego cuxa construción data do século XII); atravesando soutos ata chegar ao de Rozabales co Castiñeiro de Pumbariños (cun perímetro de 12,15 metros e un dos máis antigos na Península Ibérica); e rematando cun paseo polo casco histórico da vila medieval de Manzaneda.
Unha animada, entretida e saudable iniciativa que remataba cun broche gastronómico degustando un bo cocido na Cafetería Nevada.
Fotos e vídeos cedidos.