CulturaCulturaÚltima hora

Feijóo resalta que a rehabilitación do Mosteiro de Oseira é “unha aposta” para o Xacobeo 2021

As obras teñen un custo de 800.000 euros e abarcan dende a igrexa do mosteiro, as fachadas exterior e do claustro, parte da cuberta, a sacristía e a sala de Palmeiras, entre outros

As obras de rehabilitación do Mosteiro de Santa María A Real de Oseira tiveron un investimento que rolda os 800.000 euros. Segundo asegurou hoxe, 22 de xaneiro, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na súa visita a este monumento histórico que o obxectivo destes traballos é “potenciar o atractivo cultural e turístico da comarca e, ao mesmo tempo, forman parte do programa que está a desenvolver a Xunta para actuar en todos os Bens de Interese Cultural que se atopan preto dos camiños de Santiago”.

O xefe do Executivo galego destacou que as obras de conservación e rehabilitación deste conxunto mosteiral de Oseira como “un exemplo da aposta por valorizar o patrimonio cultural e monumental de Galicia e avanzar cara ao Xacobeo 2021”.

A esta visita tamén acudiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entre outros.

As actuacións abarcan a igrexa do mosteiro, a fachada principal exterior do claustro da hospedería, parte da cuberta, intervencións nos claustros, na sacristía e na sala de Palmeiras, entre outros lugares. Non en van, a súa biblioteca, datada de 1766, conserva uns fondos bibliográficos de importancia excepcional, cuns 30.000 volumes de ampla temática.

Para Feijóo, esta renovación suporá “un pulo económico e cultural para a zona e para Galicia, porque suporá conservar a nosa cultura”, dixo, destacando tamén que este mosteiro se atopa preto “dunha das paisaxes máis fermosas de Galicia como é a Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio da Humanidade.

O presidente reiterou que Galicia “dispón de instrumentos para fomentar as boas prácticas patrimoniais” exemplificando coa nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, “unha norma que combina a máxima protección do patrimonio coa axilidade e a simplificación dos trámites administrativos”.

Para rematar, Feijóo incidiu que o Goberno galego seguirá “mellorando as condicións dos Bens de Interese Cultural asociados ao Camiño” e fixo un repaso algúns deles nos cales a Xunta está a actuar na provincia: a catedral de Ourense, a rehabilitación competela do Castelo de Monterrei; o Mosteiro de Montederramo; o Mosteiro de Melón, a finalización da Reitoral de Ribadavia, na que se vai instalar o Museo do Viño de Galicia, a rehabilitación dunha parte do Mosteiro de San Clodio, do Convento de San Francisco, así como varias actuacións na Ribeira Sacra. “Estas actuacións complétanse con outras que se están a levar a cabo en toda a Comunidade, ademais das actuacións en todas as catedrais de Galicia”, lembrou.

Así mesmo, resaltou que estes días a Comunidade galega presentou en Fitur unha proposta completa en paisaxes, ocio e a Comisión organizadora do Xacobeo 2021 xa está en marcha, “porque o Camiño segue a ser o mellor escaparate para todo o que temos que ofrecer ao visitante, a mellor porta de entrada”.

Artigos relacionados

Back to top button