ConcellosEn portadaÚltima hora

Homenaxe á “Pasionaria” de Viana, Anunciación Casado

A iniciativa, promovida pola A.C. Torgueiros, tiña lugar o 20 de agosto e desenvolvíase entre as zonas de Viana e A Gudiña

 

A A.C. Os Torgueiros organizaba na tarde do 20 de agosto unha homenaxe a Anunciación Casado, coñecida como “A Pasionaria” de Viana, e a outras vítimas da represión tras a guerra civil na Terra das Frieiras. O acto estruturábase en tres partes; en primeiro lugar, os asistentes desprazáronse até o lugar da Leira da Gracinda, nas Revendeitas. Nun acto cargado de emoción, cada persoa depositou un caravel baixo un carballo, e leuse un texto que o poeta e investigador Claudio Rodríguez Fer dedicou a Anunciación e a outras mulleres vítimas do fascismo, “O terror nun carro de vacas”, do seu libro Ámote vermella.

A continuación, os presentes, sobre 50 persoas, desprazáronse até o cemiterio do Castro (Viana), aldea en cuxo adro da igrexa está enterrada Anunciación. “Anuncia levaba 4 días enterrada na foxa que os seus asasinos lle cavaran na Leira da Gracinda, cando a veciñanza do Castro, nunhas condicións moi perigosas e arriscando a propia vida, decidiu levala ao cemiterio da súa aldea e soterrala con dignidade. Onte, no adro da igrexa descubriuse unha placa á súa memoria, promovida pola veciñanza do Castro, que en todo momento mostrou unha fervorosa acollida ás asistentes. Os Torgueiros tamén depositaron un centro pola memoria de Anuncia. A emoción pola memoria era palpable en todo momento”, explican dende esta asociación cultural.

Finalmente, e na última parte dos actos da tarde, os asistentes desprazáronse á Casa da Viúva, na Gudiña, lugar onde non chegaron as cadeiras para todas, os historiadores e investigadores Dionísio Pereira, David Simón e Lola Varela participaron nunha palestra moi interesante sobre a resistencia no 36, os represaliados e a violencia exercida sobre as mulleres naquel agosto de 1936 e en adiante.

A Casa da Viúva, hoxe albergue de peregrinos, “foi a residencia de Florinda Ortega e Felicísimo Pérez, alcalde republicano da Gudiña, que tivo que fuxir para salvar a vida aquel agosto do 36. Tamén se trouxo á memoria a figura do mestre de Flariz, Xosé Luís Bouzas, asasinado vilmente na Poula do Martiño, A Gudiña”, relatan dende a asociación organizadora.

Os investigadores destacaron a importancia destes actos pola memoria, pero tamén a necesidade de seguir traballando, “xa que o que coñecemos da represión nas Frieiras é a punta do iceberg. O que conseguiu onte a Asociación Cultural Os Torgueiros foi o que buscaba: rachar co silencio”, conclúen.

Fotos: A.C. Torgueiros.

Artigos relacionados

Back to top button