CulturaCulturaÚltima hora

“Iribarne”, no escenario do Teatro Lauro Olmo do Barco

Esta montaxe está articulada en tres episodios, que amosan a evolución política galega

 

Sobre as táboas do Teatro Lauro Olmo do Barco representábase na tardiña do 23 de febreiro a obra “Iribarne”. Trátase do sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, “fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica”, segundo esta compañía.

A obra que o público valdeorrés puido ver onte está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí, camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”.

Esta montaxe está articulada en tres episodios, que amosan a evolución política galega dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

“Iribarne” conta cun ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar o protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director.

 

 

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e mais o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra.

“Iribarne” é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

Por outra banda, o público tamén podía adquirir a edición galega do texto teatral, editado por Edicións Positivas, a un prezo de 15 euros na mesma entrada do Teatro Lauro Olmo do Barco.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button